Mos | Un ano máis volta o xadrez ás aulas de Mos, este curso 2023-2024, como novidade, faino durante o primeiro trimestre de cara a que os escolares que se interesen pola actividade poidan pasar a formar parte do Club Xadrez Mos, entidade deportiva mosense encargada de impartir o taller nos 5 colexios mosenses.
Esta maná achegouse a compartir un rato da actividade co alumnado de 2º curso de Primaria do Colexio Pena de Francia a alcaldesa, Nidia Arévalo, acompañada da concelleira de Educación, Julia Loureiro; quenes departiron coa cativada e felicitaron a Brais Otero Nogueira, adestrador do clube e encargado de impartir o Xadrez nas Aulas, pola década de vida do Club Xadrez Mos.
Xa que coincide que o vindeiro ano 2024 o Club Xadrez Mos cumpre o seu 10º aniversario, cunha década de traballo tras de si, que trouxo un crecemento meteórico e exponencial do clube mosense, que o levou a converterse nun dos mellores de Galicia, tanto en cantidade como en calidade de xogadores. Crecemento motivado tamén, en parte, por esta actividade que se desenvolve nos CEIPs do municipio, promovida e financiada polo Concello de Mos, dentro do Programa de Actividades durante o Horario Lectivo que desenvolve a concellería de Educación mosense. E é que, durante esta década de traxectoria, a entidade deportiva impartiu 8 edicións de ‘Xadrez nas Aulas’, iniciativa promovida e financiada polo Concello, da que saíron moitos dos xogadores do clube, e algúns deles converténdose en campións facendo podios a nivel autonómico e nacional.
“Trátase dunha actividade pioneira e exclusiva entre os concellos da área, e probablemente de Galicia”, tal e como apuntan dende a directiva do Club Xadrez Mos.
Os obradoiros desta 8ª edición de Xadrez nas Aulas lévanse a cabo dende o pasado 2 de novembro e rematarán o vindeiro 5 de decembro, e cada curso realizará 4 sesións. Benefícianse desta actividade todos os alumnos e alumnas de 1º e 2º cursos de educación primaria dos 5 colexios públicos do municipio: CEIP de Atín-Cela, CEIP Mestre Martínez Alonso, CEIP Mestre Valverde Maio, CEIP Pena de Francia e CEIP de Petelos.
O Concello de Mos leva o xadrez ás aulas co obxectivo de optimizar os procesos de aprendizaxe do alumnado, entre outros beneficios.
Esta actividade organízase por oitavo ano consecutivo. E nela, ao longo dun mes, os alumnos/ as de primeiro e segundo de Primaria reciben 4 sesións de introdución ao xadrez. Nelas descobren o taboleiro, as pezas e os seus movementos, así como a normativa básica para poder gozar dunha partida de xadrez.
O encargado de impartir a actividade, Brais Otero Nogueira, adestrador do Club Xadrez Mos, declara sobre a mesma que “é para min un pracer inmenso escoitar a eses nenos e nenas cada semana: xoguei unha partida coa miña nai, co meu avó, co meu amigo, coa miña veciña! É de moito agrado ver a ilusión coa que acollen a nosa paixón. Seguro, na gran maioría de fogares do noso Concello hai un taboleiro escondido nalgún recuncho, e grazas á ilusión destes novos xadrecistas, todos eses taboleiros recuperáronse.
Sen dúbida, é a maneira de arraigar o xadrez no noso Concello, espertando o interese dos máis pequenos. Por iso, para o Club Xadrez Mos é un orgullo realizar esta actividade cada ano. É a mellor maneira de sementar a semente da nosa paixón, o xadrez, entre os veciños e veciñas de Mos. Agradecer infinitamente ao Concello e Centros Educativos a súa predisposición e total apoio para realizar levar a cabo a actividade. E por suposto, a eses futuros xadrecistas pola súa ilusión, que sen dúbida nos recarga as pilas para seguir traballando e promocionando o xadrez no noso Concello”.
O xadrez, grazas as súas características lúdicas e intelectuais, é un recurso pedagóxico apropiado para axudar a que nenos e nenas desenvolvan múltiples habilidades mentais que, sen dúbida, optimizarán os seus procesos de aprendizaxe: analizar e sintetizar, concentrarse, memorizar, solucionar e tomar decisións baixo presión, desenvolver a creatividade e a imaxinación, razoar dunha forma lóxica-matemática, e programar. Tamén se lles ensina a revaliar o seu plan cando novas realidades cambian a situación orixinal.
Estes beneficios, foron apoiados por diferentes investigacións educativas. Realizáronse estudios en varias localidades de Estados Unidos e Canadá, que mostran que o xadrez consegue incrementar a puntuación de exames estándar tanto en lingua coma en matemáticas. Os estudos realizados en Estados Unidos, mostraron que o xadrez consegue maiores puntuacións nos tests “Watson Glaser” para a avaliación do pensamento crítico e no test de “Torrance” para o pensamento creativo.
Ademais dos beneficios relacionados co “mundo científico”, nas escolas, o xadrez axuda a construír lazos de amizade e ensina deportividade: como gañar con elegancia e a non virse abaixo ao afrontarse á derrota.
Para os nenos con problemas de axuste emocional, hai moitos exemplos onde a xadrez consigue aumentar a motivación, mellorar o carácter, a propia imaxe, e incluso a capacidade de atención. Para os nenos e nenas con TDAH, aumenta o grado de concentración e memoria, e favorece o adestramento en atención para aqueles nenos e nenas diagnosticados/as.
Soamente, esta calidade comprobada do xadrez, xustifica o intento de engadilo dentro da aula e facelo accesible a todos e todas os alumnos e as alumnas a partir dos primeiros anos.
Poñer o xadrez ao servizo da educación non só ten a finalidade de desenvolver a arte de pensar, senón tamén cultivar valores. Existe un estudio piloto sobre os beneficios do xadrez na escola como recurso educativo, demostrando que favorece a optimización dos procesos mentais (atención, memoria e procesamentos) implicados no aprendizaxe.
FaleMos de Diabetes
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto coa concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, e outros 40 asistentes, persoas de diferentes idades e colectivos, participaron na charla titulada FaleMos de Diabetes e que foi organizada con motivo do Día Mundial da Diabetes 2023 que se conmemorou o pasado 14 de novembro.
Esta iniciativa foi promovida desde a concellería de Política Social dentro da campaña divulgativa e preventiva sobre esta enfermidade e desenvolvida pola Mesa Local da Saúde. Trátase dunha iniciativa organizada en colaboración tamén con “Anedia” Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia. Estivo presente unha representante da directiva da asociación e outra usuaria socia, falando do seu día a día como diabética.
Dentro da campaña anual que leva a cabo a Mesa Local da Saúde de Mos e na que se traballa con diferentes colectivos a práctica de hábitos de vida saudables e se conciencia sobre a prevención de enfermidades e como previr e afrontar os riscos para a saúde, pónse en marcha a xornada divulgativa FaleMos de Diabetes que se impartiu esta mañá no Pavillón Óscar Pereiro da man de María Insua Lago e Irene Santoro López, Enfermeiras do Centros de Saúde de Mos e membros da Mesa Local da Saúde mosense.
Esta iniciativa organizouse con motivo do Día Mundial da Diabetes que se conmemorou o pasado 14 de novembro. Nela abordáronse a importancia dos hábitos de vida saudables, a realización de prácticas e actividades deportivas, a alimentación sá e evitar costumes nocivos coma o tabaco. Xa que o tabaquismo é unha das causas da diabetes tipo 2. De feito as persoas que fuman teñen máis probabilidades (entre 30 e 40 %) de presentar diabetes tipo 2 que aquelas que non fuman. Neste senso, ademáis, o Concello de Mos é un municipio moi concienciado coa erradicación do tabaquismo e recibiu da Consellería de Sanidade unha distinción como municipio membro da Rede galega sen tabaco, sendo parte tamén da Rede galega de parques sen fume, que conta con 34 concellos adheridos.