Lugo | Este domingo 22 de maio cumpriranse 110 anos do nacemento no concello de Castro de Rei, de FRANCISCO VEGA CEIDE, Francisco de Fientosa, ao que os especialistas na súa obra consideran o LORCA galego.
Con este motivo, o Colectivo Egeria co apoio da Xunta de Galicia e o Concello de Castro de Rei vai presentar os próximos días o libro IMOS COLLER NIÑOS NOVOS…, a poesía galega de Francisco de Fientosa (1912-1936) nos cinco idiomas ibéricos: galego, castelán, vasco, catalán e portugués. “Imos coller niños novos…” é o título e primeiro verso do primeiro dos seus poemas galegos.
A obra comprende un exhaustivo estudo filolóxico e literario do profesor Xosé Otero Canto, poeta, catedrático xubilado de Literatura castelá, que naceu na Ponte de Outeiro (Castro de Rei), onde a súa traxectoria poética e vital se mergulla coas de Francisco de Fientosa e o seu curmán, destacado escritor tamén, Xosé Crecente Vega.
O estudo de cada un dos poemas de Fientosa por parte de Otero Canto, foi publicado no apartado de Opinión da plataforma dixital www.galiciadigital.com, e colleitados todos eles agora en libro para lembrar a obra galega deste grande esquecido escritor cando se van cumprir os 86 anos da súa alevosa morte, e os 110 do seu nacemento.
O libro, que se abre con palabras do Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, Román Rodríguez González, e do Alcalde de Castro de Rei, Francisco Javier Balado Teijeiro, ten un especial limiar do profesor e investigador Ricardo Polín, “Cartografía Literaria do Lorca galego”, especialista na obra de Fientosa e autor da súa Antoloxía.
A versión dos poemas ao castelán é do propio profesor Otero Canto; ao catalán e o portugués verqueunos Ana Mar Fraga Rábade, escritora, historiadora e investigadora da cultura celta, nada en Cospeito; e a tradución ao vasco é do profesor Aitor Fernández de Martikorena Rodríguez, profesor de éuscaro, tradutor, formador e escritor. Os debuxos que acompañan aos poemas e a portada do libro son da mestra, ilustradora e debuxante vilalbesa, María Guerrero, que logrou un especial complemento ou contrapunto á fondura literaria do que era a gran esperanza poética de Galicia tronzada -coma Lorca- naquel convulso 1936.