Hai dez anos que o Foro E. Peinador celebrou na vila do concello da Estrada un encontro empresarial para abrir un diálogo entre a economía e a identidade.
Expoñiámoslles aos empresarios asistentes os efectos positivos da incorporación progresiva da lingua galega nas súas actividades comerciais cando nese punto do debate entrou na sala José Manue Pérez Canal, director xeral de Aceites Abril, con varios envases das súas marcas de aceite etiquetados no noso idioma. Era unha sorpresa que lles tiñamos reservada aos asistententes. O entusiasmo contaxiouse Valeron máis os exemplos que mil palabras.
Aquel día de tan gratas lembranzas, presentamos a edición da biografía de Ramón Verea que o benquerido amigo xa falecido, Olimpio Arca Caldas, escribirá por encargo do Foro E. Peinador, coeditada co Concello da Estrada. Ningún dos presentes sabía quen fora aquel veciño que inventara a calculadora, a quen lle eriximos un monumento en Curantes, a súa parroquia natal. Afeitos como estamos a ignorar a nosa propia historia e a contribución de moitos galegos ao progreso da humanidade, a memoria recuperada de Ramón Verea mudou o sembrante de todos os asistentes daquel encontro.
Na miña intervención,dedicada a explicarlles a prolífica nómina de galegos galeguistas que cos seus inventos cambiaran a calidade de vida da humanidade, faleilles do doutor Antón Beiras, un oftalmólogo que creou un instrumento denominado “Vigoscopio” para corrixir o ollo birollo, o extravismo, do que se beneficiou a humanidade. Antón Beiras convertérase no científico máis solicitado polos congresos médicos do mundo. Pois ben, el negábase a falar noutro idioma que non fose o galego. “Eu tiven que aprender moitos idiomas para chegar a deseñar este instrumento; agora os que queiran coñecer as miñas investigacións que aprendan o galego”, adoitaba dicir.
Poucas décadas antes, Ramón Obella Vidal, outro investigador galeguista creou Zeltía, a industria farmacéutica máis importante daqueles tempos radicada no Porriño. Entre os fármacos máis importantes que produciron nos comezos da actividade empresarial están: a efedrina, a dixitalina, os extractos hepáticos, a foliculina, as insulinas, o purpuripan, con representación de varias formas; e as vitaminas de todo tipo. Para promocionaren os seus produtos farmacéuticos para erradicar as enfermidades do gando e pragas do agro, publicaban o “Calendario ZZ”, editado íntegramente en lingua galega. Contemporaneamente, a importantísima frota de PESCANOVA levaba nos cascos dos seus barcos nomes de personaxes históricos e topónimos escritos correctamente.
Hoxe son moitos os profesionais –os máis deles mulleres- que cos seus coñecementos están a facer grandes contribucións á ciencia, aquí e alén das nosas fronteiras, como foi o caso de Ramón Verea no seu exilio americano .“Os inventores forman hoxe o exército da conquista.A súa forza é irresistible. O que non adopta as mesmas armas ten que pagarlles tributo”, escribía Verea pouco antes de morrer en 1899.
Cómpre artellar un programa pedagóxico para dar a coñecer nos centros de ensino os proxectos de investigación no que están a traballar eses científicos e a transcendencia dos seus traballos. Cando iso se faga os galegos recoñeceranse como unha comunidade máis do mundo transformadora dos progresos da humanidade.Daquela gañaríamos en autoestima e venceriamos ese humillante sentemento tan arraigado de almas rendidas como alguén nos calificou.
O futuro de Galicia conseguirase con audacia, imaxinación, coñecementos e constancia no empeño.