Santiago de Compostela | Os socialistas galegos celebraron o seu 13º Congreso na última fin de semana de outubro co lema “Somos o Cambio”. Púxose fin á Comisión Xestora que, segundo moitas voces, tivo unha vida prolongada en exceso. Finalmente, despois das primarias do 8 de outubro, Gonzalo Caballero (Ponteareas, 1975), resulta elixido novo secretario xeral dos socialistas galegos. E serao logo dunha “travesía polo deserto” que xa durou oito anos. Desde as eleccións autonómicas de 2009, pasando por dous secretarios xerais e a xestora presidida por Pilar Cancela, a vitoria de Pedro Sánchez nas primarias federais do PSOE, ata este congreso, os socialistas en Galicia vivían nun limbo case que anárquico.
O 27 de outubro comezaba oficialmente o 13º Congreso do PSdeG-PSOE. O sábado 28 formáronse os diferentes organismos de traballo e comisións. Antes diso, houbo intervencións, non tan emotivas se se quere como as do domingo, pero eran esperadas por parte das delegadas e delegados cun aquel de morbo. O día antes o famoso artigo 155 foi aplicado por parte do goberno de Rajoy e o goberno de Cataluña era asumido polo gabinete de Madrid. Os ánimos estaban calmos, pero era evidente que a presión informativa desde Cataluña ía restarlle peso, moito, ao conclave socialista en Compostela
En primeira fila dous expresidentes da Xunta, Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño. Faltaban os dous secretarios xerais anteriores, Pachi Vázquez e José Ramón Gómez Besteiro. O voceiro parlamentario do partido no Parlamento Galego, Xaquín Fernández Leiceaga estaba tamén na primeira liña diante do palco. O momento esperado chegou cando Gonzalo Caballero entrou acompañado de José Luis Ábalos, secretario de Organización do PSOE. Os dous ocuparon canda seu lugar na bancada de diante despois dos saúdos de rigor ás delgadas e delegados presentes.
Futuro, sorpresas, Cataluña e a esquerda da frustración
Gonzalo Caballero comezou a quenda de intervencións. Sinalou o seu gusto polo proceso de primarias. Nese sentido, rememorou o seu traballo nas primarias do 98 que deron a secretaría xeral do PSOE a Josep Borrell e as que trouxeron a Pedro Sánchez. Quixo tamén deixar claro a necesidade por parte dos socialistas galegos, de re-configurar un proxecto galego e galeguista, que “xere ilusión, empatía e que é un proxecto de esquerda, porque o PSdeG é a esquerda”. Aínda así, o discurso de Caballero deixou unha mensaxe aberta a interpretacións “somos un proxecto que ten que ir detrás dunha coalición social de progreso que nos leve a un novo escenario no país”. Todo isto xunto supón para o novo secretario xeral que “a responsabilidade sexa inmensa, a vertixe dá medo e por iso necesito a axuda de todos e todas”. O compromiso, finalmente, pensar no futuro dentro de tres anos: Sánchez presidente do goberno español e o PSdeG na Xunta.
Viñeron despois o secretario xeral das Xuventudes Socialistas, Aitor Manso a quen seguiu Rosa Arcos, da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais. Logo a primeira sorpresa do día, a intervención de Ramón Sarmiento, CC OO Galicia, quen na súa tamén breve intervención desexou o mellor para o novo secretario xeral e o seu partido. A continuación Antonio Gómez, UXT Galicia, quen lembrou como unha das mellores etapas os gobernos presididos por González Laxe e Pérez Touriño. E con el unha das primeiras referencias remarcables ao tema catalán, ao considerar lamentable dito debate e as consecuencias, cando no estado hai dous millóns de pobres.
A segunda sorpresa do sábado déuna Josep Borrell, quen enviou un vídeo para lembrar de Gonzalo Caballero que coñece a súa traxectoria desde 1998, o ano que Borrell gaña as primarias e Caballero era parte do seu equipo. A isto o político catalán sumoulle o ter sido parte do tribunal de tese de Caballero. Borrell deixou clara na súa mensaxe a necesidade de recuperar a socialdemocracia. Nomeou o caso austríaco e a falta de resposta por parte dos socialdemócratas fronte aos problemas que trouxo a globalización.
Dolores Villarino deixou claro que o seu presidente será sempre Pérez Touriño, sen prexuízo de Laxe. O mesmo Laxe continuou cun discurso emotivo, pediu superar as desconfianzas internas e ter un horizonte marcado pola proximidade das citas electorais. Emilio Pérez Touriño declarou a súa lealdade ao novo secretario xeral, criticou o nacionalismo insolidario e “seremos quen, con Pedro Sánchez no goberno español, de traer un futuro mellor para España”.
E a última intervención do sábado foi para o secretario de Organización do PSOE, José Luis Ábalos. Non andou con moitas voltas, o tema catalán ocupoulle boa parte do tempo. “Non é un problema territorial”- dixo – “é un problema institucional e de estado de dereito”. Un estado de dereito que, segundo Ábalos, leva a sinatura do PSOE na súa formación e que por iso o están defendendo. Tanto é así, que para o político valenciano, o réxime constitucional do 78 non pode entenderse sen o partido no que el milita. E por todo iso, Ábalos pediu esquecer dunha vez para sempre a idea das dúas Españas. A fórmula consiste nun recoñecemento das singularidades dentro do Estado, e traballar para que a cidadanía teña sentido de pertenza a un modelo nacional. Por iso defendeu estar do lado do PP no tocante a Cataluña, para a defensa da integridade do Estado. A culpa? “A covardía de setenta parlamentarios”, en referencia aos parlamentarios cataláns que votaron en urna e en segredo a proclamación da república catalana. Ábalos apuntou que a fractura aberta non será doado reparala. Que non se tiña que ter chegado ao 1-O e ás porras e urnas, por tanto, ao fracaso do PP e ver o comportamento da “esquerda da frustración” como chamou a Podemos, en contraste coa esquerda útil que é o PSOE.
Domingo de proclamación
O domingo 29 as listas definitivas da Comisión Executiva Nacional están xa impresas. O pacto Caballero-Leiceaga materializouse na secretaría xeral para o primeiro e a presidencia do partido para o segundo. Novos nomes, como Pablo Arangüena que terá a vicesecretaría xeral Política e voceiro. Outros xa coñecidos como Beatriz Sestayo ou Carmela Silva formarán parte do comité federal.
A asistencia ao último día de congreso espera a chegada do secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, acompañado polo novo secretario xeral galego. Isto prodúcese minutos antes da unha do medio día. Os dous entran seguidos pola prensa que bombardea a Sánchez con preguntas sobre Cataluña. Silencio. Minutos eternos despois, comezan as dúas intervencións finais.
O primeiro en falar ao auditorio é Gonzalo Caballero. Cun discurso moi na liña do sábado, Caballero insiste que as primarias galegas foron un exercicio en clave de país e de partido. “Isto debe traducirse en ofrecerlle á cidadanía galega unha opción de ilusión” porque “os galegos e as galegas non queren unha Galicia máis pequena, menos visible”. E cre firmemente que o PSdeG no seu conxunto “somos o cambio posible, o cambio crible, porque hai posibilidade de país”. Dita posibilidade pasa por que unha forza de esquerda chegue ao goberno da Xunta e ao central, esa forza é o partido no que milita, que despois dun longo período de incerteza “sae máis forte e renovado e con máis capacidade política”.
Esa capacidade política pasa, segundo as teses de Caballero, pola recuperación de “músculo” retornando a presenza do partido á rúa e ao activismo. Esa recuperación de masa muscular pasa por mostrar o partido como a forza política das mellores etapas de Galicia, en referencia aos gobernos de Laxe e Touriño, en mostrar que o socialismo é o do compromiso na loita contra a exclusión social, a desigualdade e a pobreza. Porque, sinalaba Caballero, a crise só acabou para algúns. A todo isto sumoulle un perfil galeguista, en clave de país, como alternativa ao rupturismo que afecta á gobernanza do estado. Por iso “agora temos que marcar a posición internacionalista do noso partido. Porque cremos no diálogo”. Dentro das propostas que foi debullando Caballero apareceron tamén as ambientais para adaptar novos hábitos de vida.
Sobre o goberno actual da Xunta de Galicia “o PP deixa con menos peso demográfico e económico a Galicia dentro do Estado, cun tecido industrial desfeito e con problemas no medio rural”. Todos estes elementos son os que terán resposta coa recuperación de peso do PSdeG na sociedade.
A intervención de Gonzalo Caballero rematou con tres puntos destacables. O primeiro, ter en conta a política municipal e unha nova visión territorial onde as comarcas podan xogar un papel determinante na ordenación do territorio. O segundo foi insistir no liderado do PSdeG dunha coalición social de progreso coas forzas que piden cambios no país e por último unha folla de ruta conxunta coas forzas que piden ese cambio.
Sánchez pecha o congreso
A intervención de Pedro Sánchez era a máis esperada do domingo. Comezou o secretario xeral do PSOE coa crise catalana. Deixou claro que a executiva do partido estivo onde debía estar. Reclamou para a socialdemocracia o dereito de chamarse española, sen esquecer as liñas municipalistas e autonomistas que son propias do partido. O mesmo partido que tivo que defender o seu selo de español cando o franquismo llo quixo quitar, demonizando á esquerda como antiespañola.
Pero con todo, Sánchez pediu non esquecer a liña internacionalista do partido e que xunto a ela “defendemos unha España plural, que sempre soubo que para democratizar había que descentralizar”. Mais diante das disxuntivas, o PSOE opta pola cohesión e pola unidade fronte ao independentismo “que traizoou ao catalanismo, o catalanismo que logrou o maior autogoberno para Cataluña”. E seguindo o discurso do seu secretario de Organización o sábado anterior, os parlamentarios secesionistas votaron en segredo para “protexerse a si mesmos e deixar ao descuberto á cidadanía catalana”. Todo isto acabará coas eleccións do 21 de decembro, nas que para Sánchez “gañará a convivencia, volverá a lei grazas ao voto dos cataláns”.
Sánchez ligou a este último punto á necesidade de revitalización da Constitución, superar “a crise da democracia representativa”, lembrando a petición de democracia real do 15 M, sen renunciar ao 78, non como fan outros, que renuncian e volven cando lles convén”. Entre os puntos a reformar na Constitución estarían os aforamentos parlamentarios, recoller o dereito a unha sanidade digna e a loita contra a desigualdade. A introdución dos dereitos medio ambientais, de dereitos de autor na era dixital e o dereito ao esquecemento en internet. Para que estes puntos sexan posibles dentro do texto constitucional, sería necesaria a participación das novas xeracións, das ideas da sociedade contemporánea.
Sobre as consecuencias das políticas económicas do PP, pasou unha década perdida de desenvolvemento, nace a necesidade de reconciliar o crecemento económico e progreso social “Son as persoas as que pagaron unha crise que non comezaron” e este punto ligouno Sánchez coas políticas neoliberais que defenden “ que a sociedade non existe, só individuo existe”, por iso a recuperación actual “é para os que máis teñen e non para os que puxeron o esforzo, con esa xente España ten unha débeda que devolverá a socialdemocracia que gobernará en breve”.
E para o remate, Sánchez fixo un exercicio de apelación, “aos que dicían que o PSOE estaba rompendo, aquí está o PSOE unido. Aquí está o PSOE que defende a integridade territorial”.
As palabras de Pedro Sánchez pecharon o congreso dos socialistas galegos. Os vindeiros retos electorais darán conta da forza que vaia collendo o novo proxecto.