Pontevedra | Pontevedra acollerá esta fin de semana –venres 22, sábado 23 e domingo 24– a segunda edición da Festa dos Libros, organizada polo Concello de Pontevedra en colaboración con quince librarías da cidade. Durante tres días, a praza da Ferraría converterase nun punto de encontro de escritores e escritoras, libreiros e libreiras, editoriais e amantes da lectura, nun espazo de descubrimento, de curiosidade, de aprendizaxe e de gozo arredor da palabra e dos libros.
Os postos das librarías Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Luna Nueva, Metáfora, Naranjo, Patakafrita, Paz e Seijas, estarán abertos o venres 22 e o sábado 23 de 11.00 a 14.30 horas e de 18.00 a 23.30 e o domingo 24, de 11.00 a 14.30 horas e de 18.00 a 23.00 . Ofrecerán un 10% de desconto en todas as compras, así como sinaturas de libros nos seus respectivos espazos.
A estes quince postos (dous máis que na edición anterior) hai que sumar a presenza da libraría convidada Traga-Mundos, situada na localidade portuguesa de Vila Real e especializada na temática de Trás-os-Montes e Alto Douro.
Despois do éxito colleitado o pasado ano, tanto de público como de vendas, os libreiros e libreiras volven sacar os seus libros á rúa na procura de lectores e lectoras. Os libros chegan acompañados dunha completa programación que abrangue a presenza de 60 autores e autoras que participarán en 35 actos repartidos entre sinaturas de libros, presentacións, charlas, mesas redondas, obradoiros ou actuacións musicais como as de Azul de Bueu, un proxecto de fusión que afonda no repertorio tradicional galego para introducilo no universo do jazz e a música moderna, e MadMartin Trío, a banda de swing e rockabilly liderada por Martín Esturao.
Con esta festa da creación literaria, o Concello de Pontevedra busca o fomento da lectura e da creación, así como o apoio ao sector da cultura e do libro como motor de desenvolvemento e dinamización da cidade.
Presentacións de libros
Entre as presentacións de libros figuran as de Suso de Toro, Pedro Feijoo, Manuel Lourenzo, Manel Loureiro, Rafa Cabaleira, María Oruña, Diego Ameixeiras, Marga Tojo, Arantza Portabeles ou Francisco Narla, entre outros moitos.
O venres 22 haberá ademais unha mesa redonda sobre “Pontevedra si ten quen lle escriba” (12:30 h) na que participarán Rafael L. Torre, Rafael Fontoira Surís e Xosé Fortes e, xa pola tarde, Genaro da Silva, Antón Blanco Casas, Antonio Sá Gué e César Lorenzo Gil debatirán sobre a poesía e a edición en Galicia e Portugal (20 h). De seguido, Fina Casalderrey, Montse Fajardo, Ánxela Gracián, Montse Pena, Eli Ríos e Xavier Senín ofrecerán un fermoso retrato de María Victoria Moreno a través das máis recentes biografías dedicadas á homenaxeada das Letras Galegas 2018. Trala mesa redonda, proxectarase o documental “María Victoria Moreno. Galega por amor”, editado polo Concello de Pontevedra.
O sábado, ás 11 horas falarase sobre a historia da filosofía como nunca antes a contaran da man de Marcelino Agís Villaverde e ás 12:30 h, Lois Pérez e Santiago Lopo serán os protagonistas dun particular vermú entre libros. Xa pola tarde, ás 21 h, Susana Arins, Lara Rozados e Carmen Fouces versarán sobre literatura e feminismo.
O domingo, Julián Rodríguez Novo presentará o seu último libro sobre o asalto do Bou Eva, un dos episodios máis tráxicos da represión franquista en Galiza, acontecido en abril de 1937, cando nove republicanos galegos querían fuxir nun barco desde o porto do Berbés e terminaron suicidándose ante o acoso policial. Estará acompañado de Xesús Alonso Montero, prologuista do libro.
E ás 18 horas, Kiko Dasilva contará como se crea nunha garaxe e presentará a novela gráfica colectiva, Picoto do pai co alumnado do curso profesional de banda deseñada de O Garaxe Hermético. Tamén haberá unha tertulia con Fonso Barreiro e Anémona de Río, autora do primeiro manga en galego.
Para o público infantil
O programa para o público infantil iniciarase o propio venres 22 ás 11 horas, coincidindo coa apertura da carpa da Festa dos Libros e aproveitando o inicio das vacacións estivais dos máis pequenos da casa. Así, elaborarán as súas propias pinturas comestibles cunha base de iogur da man do artista Gerardo Rodríguez “Chere” (11 h), asistirán a sesións de contacontos como “Lola e as 21 vacas”, (11:30 h) e crearán monicreques (ás 12 h). Tamén o sábado a mediodía, haberá outra sesión de contacontos e taller de creación de marcapáxinas sobre personaxes de contos, para nenos e nenas a partir de 3 anos.
Con Polo Correo do Vento, terán que axudar a intrépida detective Peregrina a resolver un misterioso caso dun torque castrexo. Será o domingo ás 11 h, e a continuación, Kalandraka celebrará os seus 20 anos de Libros para soñar con contacontos e música con Bea Campos e outras sorpresas (domingo ás 12 h).
Outro acto destacado será a celebración o sábado 23, ás 11.30 horas, dun Paseo pola Pontevedra Literaria, da man de Montse Fajardo. Para inscribirse cómpre enviar un correo electrónico a pontevedraliteraria@gmail.com indicando o nome completo e un teléfono de contacto. As prazas están limitadas a 50 persoas.
Tamén o sábado de 17 a 19 horas, desenvolverase un obradoiro sobre escrita diversa para rapaces e rapazas a partir de 12 anos que impartirá Eva Mejuto no Savoy Restovar (máximo 20 persoas). Será preciso inscribirse previamente no facebook da Festa dos Libros.