O Porriño | O Porriño acolleu hoxe a presentación do Obradoiro de Emprego “O Noso Encontro co Emprego”, un innovador programa de formación e emprego dirixido a mozos menores de 30 anos.
O evento, que tivo lugar nas instalacións de Porremprego, contou coa participación do alcalde de Porriño, Alejandro Lorenzo e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, que estiveron acompañados polo director territorial de Emprego, José Antonio Rodríguez e a directora do Obradoiro, Begoña Echegaray.
Este novo programa, que require un investimento total de máis de 480.000 euros, financiarase principalmente a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, con 439.000 euros, aos que se suma unha achega municipal de 45.000 euros. Un total de 16 alumnos-traballadores beneficiaranse desta formación, divididos en dúas especialidades: albalenería urbanización e carpintería, con oito participantes en cada unha.
Os alumnos de carpintería poñerán en práctica os seus coñecementos reparando tres pasarelas no Paseo do Louro, mellorando así a accesibilidade na senda peonil que bordea o río. En canto aos futuros albaneis, encargaranse dos labores de urbanización e pintura na rúa Paralela 3 do Polígono Industrial da Granxa, onde se executarán novas beirarrúas.
O programa “O Noso Encontro co Emprego” terá unha duración de doce meses e “representa unha valiosa oportunidade para que os mozos se formen e adquiran experiencia en profesións altamente demandadas no mercado laboral, aumentando así as súas posibilidades de inserción laboral”, tal e como trasmitiu o alcalde Alejandro Lorenzo, quen instou aos novos traballadores a “aproveitar ao máximo esta experiencia”, subliñando a importancia do servizo público que brindarán a todo o pobo.
Pola súa banda, a delegada Ana Ortiz, incidiu en que están “ante unha ocasión magnífica para abrir unha ventá ao mercado de traballo, xa que tanto a sociedade como as empresas necesitan xente formada, aí é onde tedes a vosa oportunidade”.
O acto de presentación celebrouse dun xeito especial, xa que os alumnos doutro obradoiro de emprego do Porriño, centrado na especialidade de cociña, ofreceron un almorzo, dando a benvida aos novos compañeiros e demostrando, unha vez máis, a súa preparación e habilidades adquiridas tras un ano de formación.
Con esta iniciativa, desde o Concello do Porriño continúan reafirmando o seu compromiso coa creación de emprego e a formación da súa mocidade, sentando as bases para un futuro laboral máis prometedor para todos eles.