O Porriño | O Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coas parroquias publicando unha nova liña de axudas destinada ás comunidades de usuarios de auga.
As traídas do municipio poderán beneficiarse destas achegas ás que se destinarán un total de 175.000 euros, sendo 95.000 euros para mantemento de instalacións. Mantense o incremento impulsado polo Concello na anterior convocatoria, cando se duplicou a partida para dispor 80.000 euros a novo investimento.
A primeira liña, enfocada no mantemento, ten como obxectivo financiar a contratación de obras de reparación e a substitución de redes de distribución (sempre que non superen os 50 metros). Ademais, cubriranse os gastos correspondentes ás analíticas de control sanitario e os gastos de mantemento e conservación na captación de augas, o sistema de almacenamento e potabilización, así como na rede de distribución e instalacións.
Doutra banda, a segunda liña de axudas destínase á execución de obras de investimento en instalacións da súa titularidade ou aqueles que lles corresponda o seu dereito de uso, incluíndose a substitución de redes de distribución cando se superen os 50 metros lineais.
O concelleiro Marcos Martínez explicou que as bases publicáronse hoxe no BOP e que nos próximos días, unha vez se publique o estracto, abrirase o prazo de solicitude. O edil lembrou que os interesados poden contactar co concello para obter a información que precisen. Cabe destacar que cada comunidade poderá recibir un importe máximo de 8.000 euros en cada liña de axudas, 12.000 euros se se solicita apoio en ambas as liñas. É importante destacar que, en ningún caso, o importe total subvencionado poderá superar o 80% do custo total do proxecto presentado.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, subliñou a importancia destas axudas, afirmando que “é fundamental apoiar ás traídas para que poidan prestar o mellor servizo posible aos nosos veciños. Estes investimentos non só mellorarán a calidade da auga, senón que tamén contribuirán ao benestar de toda a veciñanza ao contar cun abastecemento seguro”.