Un lapsus de Núñez Feijóo ven de nos lembrar que hai agora 74 anos o escritor inglés George Orwell apuraba a escrita da súa novela 1984 na illa escocesa de Jura, pois que prometera ao seu editor entregala para o prelo antes de que rematara 1948. Nesta distopía o británico afondaba no seu compromiso coa liberdade e contra o totalitarismo, nunha Europa que saía aos poucos da fame de postguerra e da terríbel experiencia do nazismo.
Unha Europa medoñenta diante da ameaza nuclear e sometida na súa metade oriental a ese estalinismo que él xa denunciara nas súas obras Animal Farm (1945) e Homage to Catalonia (1938).
Unha Galicia que padecía fame e represión vivía daquela a longa noite de pedra do franquismo, mentres Castelao partillaba no nome do noso País un Goberno republicano no exilio que aínda confiaba que o bloqueo internacional ao Estado español, só rachado entón pola axuda peronista, habería traer de volta a República traizoada polos militares golpistas do 1936.
“Chegou 1984. Por sorte o mundo non estaba controlado polo Big brother orwelliano”
Chegou 1984. Por sorte o mundo non estaba controlado polo Big brother orwelliano. O réxime soviético amosaba evidentes sinais de esgotamento. Margaret Thatcher e Ronald Reagan, alicerzados nas desaqueladas teorías económicas de Milton Friedman, rachaban o compromiso da dereita democrática coa xustiza social, encetando un camiño de desigualdade e desregulación financeira que levou a Europa á Grande Depresión do 2008.
Na Galicia aprobábanse por aqueles tempos nun clima de consenso leis fulcreación da CRTVG e a de Normalización Lingüística, inserindo nela un deber de coñecer o galego que sería eliminado despois por ese árbitro caseiro chamado Tribunal Constitucional.
Douscentos alcaldes asinaban un compromiso a prol da normalización do galego nos concellos e a chegada dos restos mortais de Castelao era protestada por milleiros, no decurso dun serán no que salientou unha represión policial máis propia do franquismo ca dunha democracia.
Mais no 2022 que vivimos semella que o big brother está máis preto ca nunca na historia da humanidade. A privacidade persoal é descoñecida por gobernos e grandes empresas. A CIA recoñeceu que gravan millóns de persoas e o sistema de espionaxe Pegasus espiou, seica ilegalmente, ducias de cidadáns de Catalunya, entre eles avogados no exercicio da súa función de defensa legal. Milleiros defenden recurtes nas liberdades a prol da seguranza.
“Mais no 2022 que vivimos semella que o big brother está máis preto ca nunca na historia da humanidade”
A distopía 1984 escrita por Orwell no 1948 é, por desgraza, moi real no 2022. As nosas liberdades están ameazadas polo control que queren os poderes políticos e económicos. Nunca como arestora tan preciso foi reivindicar o control cívico destes poderes, as garantías xurídicas dos dereitos humanos e máis o equilibrio entre liberdade e seguranza.