A crise política xerada co delongado paréntese de Pedro Sánchez conéctase sen dúbida coas resultas dunha deficiente transición que, no canto de xurdir dunha revolución democrática como a portuguesa dos cravos que ven de cumprir os seus primeiros 50 anos, alicerzouse no pacto inducido no 1977-78 polo reformismo franquista, potenciado no post 23-F de 1981.
Neste contexto, existiron ao longo destes anos abondo exemplos de lawfare que adoitaron sofrir os políticos soberanistas (BNG, PNV, JuntsxCat, ERC…) canda gravísimas calumnias, inxurias e difamacións contra estes mesmos políticos que a Administración de Xustiza non foi quen a frear. Velaí as sentenzas condenatorias contra o presidente do parlamento vasco Juan Mari Atutxa (PNV), as imputacións penais de Mónica Oltra (Compromìs) ou Fernando Blanco (BNG). Non digamos xa da desaquelada persecución dos políticos soberanistas cataláns. Mesmo dende antes do referéndum do 1-O u de 2017.
Antes de todo isto, no 2009, sofrimos da man de Feijóo e Baltar Pumar (PP) a primeira destas campañas electorais nas eleccións nacionais galegas de 2009. Unha campaña sinalada pola difamación deshumanizadora do entón vicepresidente da Xunta e candidato do BNG, Anxo Quintana. Poucos días antes da votación, no decurso dun mitin en Punxín, na bisbarra do Carballiño, o entón presidente da Deputación ourensá, José Luis Baltar Pumar, acusou Quintana, dun xeito abondo elocuente, de maltrato á súa entón parella. Nunca tal se vira.
“No 2009, sofrimos da man de Feijóo e Baltar Pumar (PP) a primeira destas campañas electorais nas eleccións nacionais galegas de 2009”
Quintana e a súa parella de entón non dubidaron en formular unha acción penal contra Baltar, que recoñeceu as súas expresións malia que manifestou que constituían un exercicio de crítica política. Mais a entón xuíza do Carballiño considerou que non había tal, senón que existían nidios indicios do delicto de calumnias (acusar falsamente dun delicto, neste caso de agresión doméstica) con publicidade no dirixente popular e acordou pechar a pescuda delictiva e orientala cara ao xuizo oral, desestimando o recurso que o propio Baltar presentou, precisamente polo clarísimo senso calumniante das súas manifestacións.
Porén, Baltar Pumar, entón presidente da Deputación ourensá, recorreu en apelación esta decisión da xuíza carballiñesa perante a Audiencia ourensá e a Sección do Penal desta resolveu, no outono de 2010 e a medio dun relatorio da maxistrada-presidenta da mesma, estimar este recurso e arquivar definitivamente o caso, considerando que as gravísimas acusacións constituían só crítica política e que a referencia á vida privada de Anxo Quintana era “nebulosa”, cando o certo é que constituía, substancialmente, unha acusación formal de violencia. Impresiona como considerou entón a Audiencia ourensá que na política “todo vale”.
Nunca Feijóo cuestionou estas calumnias de Baltar. Nunca lle pediu desculpas a Anxo Quintana. Mais simultáneamente usou unha moi vella foto (do 2005!!) co empresario Jacinto Rey para furar na credibilidade de Quintana. Rey nunca foi acusado de delicto ningún, mesmo de ningunha práctica empresarial ou administrativa ilegal.
Pola contra, Feijóo ainda non explicou a ampla reportaxe fotográfica publicada na que sae retratado co convicto Marcial Dorado. É, sen dúbida, por feitos como éste que os analistas europeos e internacionais alcuman a española como democracia de baixa calidade.
A difamación política foise aquelando ao ritmo da nosa cousa pública, por certo a meirande parte das veces sen que os dirixentes do PSdeG e PSOE cuestionasen a praxe difamante da dereita española. Velaí unha boa ocasión para lembrarmos de onde vimos e quen dos nosos servidores públicos sofriu esta caste de agresións.