Tui | Esta mañá comezaron os obradoiros infantís de Nadal que promove a Biblioteca Municipal de Tui e nos que van participar ao longo desta semana e a próxima 210 rapaces e rapazas tudenses. As prazas están xa cubertas para todos os días nesta iniciativa que ofrecen actividades de lecer polas mañás durante as vacacións escolares de Nadal.
Os nenos e nenas do primeiro obradoiro realizado esta mañá co título “Adornando o Nadal” realizaron esta mañá con material decoración para estas festas con distinto material.
Mañá mércores terá lugar o obradoiro “Os elfos fabrican xogos”, o xoves “Facendo inocentadas” e o venres “Crea a túa marioneta”. A próxima semana o martes 2 terá lugar o obradoiro “Voando coa papirofrexia”, o mércores 3 de xaneiro “Xogando xuntos” e o xoves 4 de xaneiro “A maxia do Nadal e Reis.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, explica que a oferta destas actividades de animación para os máis cativos procura una alternativa de ocio e aprendizaxe de habilidades relacionada co lecer e a diversión, ao tempo que ofrece á familias unha alternativa que axude na necesaria conciliación nestas datas do Nadal.
Paralelamente, a Biblioteca Municipal ofrece dúas exposicións: “Berces de vida: de paseo polos bosques de España“ promovida pola Afundación, Obra Social de Abanca, que mostra 26 fotografías, de distintos autores, nas que se plasma a biodiversidade das fragas e bosques de España.
Tamén ata o 5 de xaneiro está aberta a exposición “Re-construíndo soños con ladrillos” unha mostra de maquetas e construción infantís realizadas por Luis Arias Rodríguez, veciño de Tui e membro da Asociación Exin Castillos y West.
Cómpre lembrar tamén o Mercadiño solidario de libros con preto dun milleiro de libros, escollidos entre os destinados ao expurgo, os procedentes dos seus propios fondos ou de doazóns de veciños, para que aquelas persoas lectoras interesados poidan recoller as obras que resulten do seu interese.
A condición para acceder a este mercadiño é a entrega dun lote de produtos de Nadal que estarán destinados ás familias atendidas polos Servizos Sociais municipais.