Tui | O dinamismo e internacionalización que está a vivir o Camiño Portugués de Santiago ao seu paso por Tui queda reflectido nos datos rexistrados esta fin de semana pola Oficina Municipal de Turismo tudense.
Dende o venres até o domingo 167 peregrinos e peregrinas se achegaron até este punto de información turística. O 80% eran persoas estranxeiras de até 24 nacionalidades. Estes datos son unha mostra do importante número de persoas que estes días transitan por Tui camiño de Compostela e cuxa presenza é habitual e numerosa nas rúas da cidade e tamén nos distintos establecementos de hostalería e restauración. Os datos rexistrados superan as expectativas existentes e dan conta do extraordinario nivel de afluencia que o Camiño Portugués está a vivir.
Así o persoal da Oficina Municipal de Turismo atendeu na fin de semana a 132 peregrinos e peregrinas internacionais e a 35 nacionais.
Houbo así 45 consultas de persoas de EEUU que están a realizar o Camiño Portugués, 17 de Alemaña, 7 do Reino Unido, e 6 de Arxentina pero tamén doutros países coma Bélxica (5), Brasil (5), Canadá (4), Italia (4), Porto Rico (4), Portugal (4), República Checa (4), Croacia (3), Irlanda (3), Países Baixos (3), Polonia (3), Xapón (3), Austria (2), Ecuador (2), Singapur (2), Suíza (2), Perú (1), Taiwan (2),e Turquía (1).
Mentres os 35 españois que estaban a realizar o Camiño e se achegaron até a Oficina Municipal de Turismo procedían de Barcelona (5), Granada (5), Madrid (5), Baleares (4), Huesca (4), Alacante (2), Burgos (2), Las Palmas (2), Tenerife (2).
A concelleira de Turismo, Ana Nuñez Álvarez, destaca que estes extraordinarios datos expresan o dinamismo dos Camiños Portugueses, tanto o chamado Camiño Central como o da Costa, que conflúen nos seus trazados oficiais en Valença e Tui.
Engade que hai que ter en conta que os datos da Oficina Municipal de Turismo son indicativos desta dinámica, xa que só unha pequena parte dos peregrinos e peregrinas que pasan por Tui se achegan ata este punto de información turística.
Ana Núñez sinala que “o Camiño Portugués conforma na actualidade un dos principais elementos dinamizadores do sector turístico tudense”. Reclama a edil por parte de todos os axentes implicados “un compromiso pola calidade e mesmo a excelencia na súa atención para manter esta dinámica de crecemento na que nos atopamos”.