Tui | De novo o río Miño en Tui será esta fin de semana lugar de encontro para o remo galego, quince días despois da celebración con éxito da 44 ªRegata Miño Internacional. Nesta ocasión serán preto de 250 remeiros e remeiras os que participen nas modalidades de Dobre Scull, Skiff e Dous Sen no Campionato Galego de Longa Distancia de Remo Olímpico. A saída, cronometrada, será a partir das 11 h dende Currás e a liña de meta estará fronte as gradas da rúa Olímpicos Tudenses en Tui.
Este evento está organizado pola Federación Galega de Remo, en colaboración co Concello de Tui, co Club Remo do Miño, co Club Remo Tui, co Deporte Galego da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, a Comandancia Naval do Miño e Protección Civil de Tui.
Na presentación esta mañá participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, o presidente da Federación Galega de Remo, José Luís Méndez, o comandante Naval do Miño, Andrés Díaz-Ripoll, o comandante do Cabo Fradera, Pablo Antonio Navarro, o presidente do Club Remo do Miño, Manuel Ángel González, e o membro da xunta directiva do Club Remo Tui, Andrés Oruña.
A vella Ponte Internacional e as propias gradas a carón do río serán dous dos puntos destacados para poder disfrutar desta competición que reunirá os remeiros e remeiras galegas da categorías cadete, xuvenil, absoluto e paralímpico. A entrega de premios está prevista para ás 13.15 h.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou na presentación desta mañá a súa satisfacción por acoller este campionato galego sinalando que “cando todos traballamos xuntos as cousas saen” en referencia a colaboración entre as distintas institucións e entidades para levar adiante este evento. Reafirmou o compromiso municipal por seguir mellorando as instalación deportivas tudenses, indicando que seguirán traballando para lograr a ampliación do Centro Interdederado e para poder acoller un Campionato de España de Remo. No mesmo senso pronunciouse o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, indicando que “queremos dar ese salto porque contamos coas instalacións e a capacidade de organización”. Ambos convidaron ao público a asistir este sábado ás beiras do río para disfrutar do campionato.
O presidente da Federación Galega de Piragüismo, José Luís Méndez, na súa intervención lembrou como hai case 40 anos remou o seu primeiro campionato galego precisamente en Tui. Deu conta das características da proba que terá no Miño as condicións idóneas para a súa celebración.
O xefe de deportes da Xunta, Daniel Benavides, destacou coma os mellores deportistas do banco móbil se darán cita en Tui esta fin de semana con esta proba de remo olímpico que volve ao Miño. Amosou o seu convencemento en que será todo un éxito. O comandante naval do Miño, Andrés Díaz-Ripoll, salientou que se encargarán de garantir que a proba se celebre nas condicións de seguridade axeitadas.
Na presentación houbo tamén palabras de lembranza para Xosé Martínez Tato, falecido este luns, que estivo tamén vinculado ao mundo do remo.