A Cañiza | O Concello da Cañiza, dentro das accións que desenvolve para a erradicación da violencia contra as mulleres, este ano deseñou a campaña de sensibilización “Abecedario para o bo trato”, coa intención de visibilizar a necesidade de promover o bo trato no desenvolvemento persoal e social dos nenos como ferramenta preventiva de condutas baseadas na violencia en calquera das súas formas, neste caso facendo especial fincapé na violencia contra a muller.
O “Abecedario para o bo trato” é resultado dun traballo conxunto, promovido polo Concello e no que colaboraron o alumnado e o profesorado do CEIP de Valeixe e do CPI da Cañiza, que recolle todas as palabras que os nenos de infantil e de primaria destes dous centros educativos, idearon e elexiron para contribuir a crear unha sociedade máis tolerante, igualitaria e libre de violencia.
O “Abecedario” estará exposto na rúa Oriente do Concello en forma de círculos colgantes nas arboredas e tamén nos centros educativos de primaria.
A igualdade: unha labor de sensibilización continua
Ademais, o Concello vén de colocar no centro da ESO da Cañiza, «A escaleira da igualdade», unha iniciativa que se estreou xa o 18 de novembro de 2021 no CPI da Cañiza, en infantil e primaria e no mes de febreiro de 2022 no CEIP de Valeixe e que ten por obxectivo continuar coa labor de concienciación e promoción da igualdade, apostando para que sexa un tema trasversal en todas as accións municipais.
“A escaleira da igualdade” recolle tamén exemplos das mensaxes que como sociedade igualitaria debemos inculcar e ter presentes na educación das nosas nenas e nenos. Transmite os principios dunha sociedade tolerante, inclusiva e igualitaria e pretende servir de material de reflexión para todo o alumnado dos centros educativos e de material de traballo para o profesorado.
Nesta ocasión recolle as propias mensaxes do alumnado a modo de reflexión e rexeitamento.
O Concello continuará traballando de cheo neste eido, poñendo especial atención na importancia da formación, da concienciación e da prevención dende a infancia, tanto dende o ámbito da familia como dende o contexto escolar.
Proxecto “Violetas”
O Concello leva anos desenvolvendo o proxecto “Violetas”. Un programa que traballa co alumnado dende a etapa de primaria a educación secundaria, e no que se abordan contidos como; a autoestima, a educación afectivo sexual, habilidades sociais para a resolución de conflitos, os estereotipos e roles de xénero , todo elo dirixido a promover no alumnado condutas baseadas no bo trato e na tolerancia no respecto. Cun obxectivo principal que é previr calquera forma de violencia, entre elas a de xénero. O proxecto dará comezo, como todos os anos, no mes de xaneiro.