29 locais hostaleiros participan no “Pinchorriño”


Risotto de cogumelos e polo, roliños recheos, callos, ovos rotos con zorza, delicias de requesón, fideuá, carne picante, empanadas variadas, pantumaca, polo ao spring ou filloas recheas serán algunhas das delicias que se poderán degustar gratuitamente en 29 establecementos hostaleiros porriñeses durante os venres e sábados de novembro. Trátase das VI Xornadas de degustación de pinchos en Porriño, máis coñecidas como Pinchorriño.
Todos os venres e sábados de novembro, de19 a23 horas, “veciños e visitantes poderán valorar e gozar desta calidade e orixinalidade dos pinchos que ofrecerán os vinte e nove establecementos”, apuntaba o edil de Comercio, Marcelino Coto. A modo de plano para seguir a ruta e non perderse, nun folleto elaborado para a ocasión exponse un rueiro no que se sinalan todos os locais co pincho que ofrece cada un.
Outro dos alicientes de acudir a Porriño a degustar estas delicias é o sorteo de dúas estancias durante unha fin de semana para dúas persoas nunha casa de turismo rural. Tras o gran éxito do ano pasado, para esta edición xa se repartiron entre os diferentes locais 10.000 papeletas.
Un total de dezasete locais repiten nesta sexta edición, aos que se engadiron outros doce novos.