O vindeiro 22 de decembro cumpriranse oficialmente tres décadas da desaparición da URSS, o primeiro Estado socialista da historia. Cando falamos do final da URSS, veñen dous nomes inmediatamente á cabeza: Mijaíl Gorbachov e Boris Yeltsin. O primeiro, o derradeiro líder soviético. O segundo, o “sepultureiro” da URSS que pasou a converterse no primeiro presidente da Rusia postsoviética.
A estes dous nomes debe engadirse un terceiro: Vladímir Putin, no poder desde 1999. En Putin personifícase claramente esa transición do mundo soviético ao postsoviético. Con el ao fronte, Rusia tenta recuperar o seu esplendor imperial nun mundo cada vez máis complexo.
Qué tanto mudou o mundo sen a URSS nestes trinta anos? Os cambios foron vertixinosos. Deuse paso a un mundo de “posguerra fría” colindando entre a unipolaridade (EEUU) e a multipolaridade; apareceron novas nacións independentes (Ucraína, Armenia) cos seus conflitos “postsoviéticos”; o medo á guerra nuclear do mundo bipolar veuse superado pola proliferación nuclear desmesurada (Corea do Norte, India, Paquistán, Irán, Israel…); e finalmente hoxe observamos un revival da bipolaridade pero xa non contra Rusia senón contra China.
“Qué tanto mudou o mundo sen a URSS nestes trinta anos? Os cambios foron vertixinosos”
É posible seguir falando na actualidade do “mundo soviético”? Cal é a súa herdanza? Trinta anos despois podemos falar da primeira xeración “postsoviética”, a de aqueles que non viviron na URSS pero que a súa herdanza segue dalgún xeito presente. Pero ese “mundo soviético” segue moi presente en milleiros de persoas en Rusia, sen que isto implique absolutamente establecer algún tipo de nostalxia deses tempos.
Se ben hoxe seguen a existir oficialmente países con sistemas comunistas (Cuba, Corea do Norte, China e Vietnam) e outros vestixios anacrónicos dese sistema (Transnistria), o comunismo soviético obsérvase hoxe como cousa do pasado, unha especie de “arqueoloxía dun mundo perdido”, en palabras do historiador Karl Schlögel, que parecera máis ben interesar aos estudosos.
Pero o mundo de hoxe non é exactamente mellor sen a URSS, pero tampouco parece estrañalo. A promesa do “fin da historia” anunciada en 1989 por Francis Fukuyama, esa na que o liberalismo triunfaba anunciando un novo e definitivo ciclo histórico, hoxe vese contestado nun mundo mediatizado pola prevalencia do inmediato, do efectista, da política como espectáculo.
“Pero o mundo de hoxe non é exactamente mellor sen a URSS, pero tampouco parece estrañalo (…) A URSS (…) terminou sendo máis ‘perigosa’ coa súa desaparición que precisamente durante as súas sete décadas de existencia”
A URSS, ese “imperio do mal” así cualificado no seu momento polo ex presidente estadounidense Ronald Reagan, terminou sendo máis “perigosa” coa súa desaparición que precisamente durante as súas sete décadas de existencia.