Verín | A Casa da Cultura de Verín acolle a exposición de fotografías “40 anos de Estilo Verino”, unha retrospectiva do traballo do deseñador Roberto Verino con imaxes de “top models” como Christy Turlington, Olatz ou Helena Christensen e fotógrafos como Eloy Lozano, Javier Vallhonrat, Jacques Olivar ou Paco Navarro.
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou na inauguración da mostra, acompañado por Verino; o alcalde de Verín, Gerardo Seoane; a segunda tenente alcalde de Verín, Rosario Rodríguez; a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez; os alcaldes da Mancomunidade de Verín; subdelegado do Goberno, deputados, rexedores e concelleiros da comarca.
Despois de que Verino sinalase o seu “orgullo por ser verinense”, Manuel Baltar reivindicou ese orgullo de pertenza “un territorio que compartimos e do que presumimos día a día. Ver esta exposición, estes corenta anos, estas corenta fotografías e ver a Verín unida con París, con Nova York, con Christy Turlington, con Helen Christensen… Iso fai corenta ou cincuenta anos eran territorios que quizais nalgunha imaxinación ou utópica mentalidade puidera existir”.
“Moito máis que unha compilación de fotografías”, sinalou Roberto Verino. “Esta exposición é moito máis que unha compilación de fotografías dos mellores fotógrafos de moda. É unha forma de expresión propia coa que recordamos que noso estilo perdura a través dos anos. Unha muller ou home Verino pode ter unha prenda no seu armario de hai 20 anos e ser perfectamente actual no día de hoxe”, sinalou Roberto Verino na inauguración da mostra, que foi conducida pola segunda tenente de alcalde de Verín, Rosario Rodríguez.
40 fotografías, unha por cada ano da marca, na que se pode ver a evolución da propia da enseña e na que o fío condutor é un estilo propio e inconfundible que se percibe nas instantáneas. “Se nos percatamos no que nos aporta esta selección de fotos, podemos ver unha linguaxe propia que vai no noso ADN. Un código de elegancia, sen estridencias, con selo para todos aqueles que desexan estar ben consigo mesmos”, aportou o deseñador verinés.
“Para nós, a moda pode axudarnos a ser máis equilibrados, a estar máis contentos e seguros e isto é un pilar que temos que ter en conta cando mercamos unha prenda”, asegurou Roberto Verino durante a presentación. “Eu sempre insisto no concepto da importancia de ter un bo armario emocional, con prendas que resolven o teu día a día e, que ademais, recordan bos momentos, falan da túa familia, da túa historia e de ti mesmo. Un armario desas características sempre dirá moito máis do que o defenda, aportará un estilo propio e inconfundible a todo aquel que aposte por esta forma de moda que perdura con verdadeiro propósito”, indicou o deseñador.