40 expositores na Feira profesional FormaTea en Ponteareas

Os días 26 e 27 de marzo con 500 visitantes para coñecer as ofertas formativas

Ponteareas | O Concello de Ponteareas abrirá as portas da Feira das Ensinanzas Profesionais FormaTea con máis de corenta expositores e 500 visitantes de centros de ensino.

Centros de Formación Profesional de toda Galicia explicarán a súa oferta formativa ao longo de mañá mércores día 26 e xoves día 27 de marzo en horario de mañá a partir das 09:30 horas. Dende a apertura de portas e ata as 15:00 horas FormaTea ofrecerá un percorrido no que descubrir ciclos e saídas laborais. Alumnado de centros educativos de Ponteareas e das comarcas veciñais visitarán a feira e participarán na parte lúdica que como novidade ofrecerá a feira nesta nova edición. Explica o concelleiro de Ensino, Ricardo González, que este ano innovarán con actividades e xogos para o alumnado participante.

A feira ofrece tamén un horario de visita para as nais e pais que queiran informarse de 14:00 a 15:00 “porque sabemos que elixir o camiño é unha cousa de familia e que ás veces non é unha decisión doada. Por este motivo as familias poden achegarse á feira a última hora da mañá”.

O Concello de Ponteareas conta cunha comunidade educativa ampla con cinco CEIPs públicos, dous CPRs concertados, un Centro Rural Agrupado con 7 aulas, 3 IES e o CIFP A Granxa. A estes datos hai que engadir o conservatorio público municipal, a sede da extensión universitaria da UNED, a ESA, unha delegación da escola de idiomas e un centro de dixitalización no CEDEP.

Ao acto inaugural está prevista a presenza do delegado territorial da Xunta de Galicia, Agustín Reguera e a do xefe territorial de Ensino, César Pérez Ares, ademais da inspectora de zona, Raquel Gómez, entre outras personas do eido do ensino.

A alcaldesa Nava Castro explica que a formación é unha das prioridades do goberno local que, dentro das súas competencias, completa a oferta formativa da Consellería con cursos, obradoiros, asesoramento, aulas de apoio e todos os recursos posibles para ofertar formación no propio termo municipal.

“Achegar toda a formación posible á cidadanía é fundamental para unha mellor inserción laboral pero tamén o é informar porque ás veces descoñecemos todos os recursos que están ao noso alcance”, engade o seu agradecemento a todos os centros que participan informando e a todos aqueles que asisten como público “porque entre todos conseguimos ampliar as perspectivas para elixir un itinerario a medida de cada persoa. Hoxe en día existen multitude de modalidades e formacións por iso non hai excusa para deixar de formarse”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.