Tui | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a importancia do Camiño Portugués e as súas variantes na provincia como un elemento vertebrador do territorio, un motor económico, de emprego e de turismo, e unha marca global que dá a coñecer a provincia de Pontevedra en todo o mundo.
Fíxoo no acto de celebración do corenta aniversario da primeira peregrinación a Santiago de Compostela impulsada pola asociación Amigos dos Pazos e que serviu para a valorización dunha ruta que cada ano medra en número de peregrinos. “Unha aventura que comezaron pouco máis de 20 persoas naquel ano 1984 e que no que vai de ano xa a teñen completado máis de 145.000 peregrinos”, sinalou o mandatario provincial para recoñecer o labor do colectivo que recuperou o Camiño Portugués.
Acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez e o deputado Jorge Cubela, o presidente da Deputación entregou as Vieiras de Honra aos peregrinos que completaron o camiño hai corenta anos nunha cerimonia na que tamén entregaron galardóns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a presidenta da Asociación Amigos dos Pazos, Montserrat Maneiro.
Coa ruta completada no ano 1984 polos integrantes deste colectivo e doutras entidades do país veciño, comezaba unha campaña de recuperación das peregrinacións polos camiños portugueses que incluíu iniciativas como varios encontros internacionais ou a promoción de itinerarios alternativos como o da costa. Accións que comezaron a popularizar un Camiño Portugués, que naquela época carecía de calquera tipo de sinalización, que hoxe en día é fonte de riqueza patrimonial, turística e económica.
“Se temos a oportunidade de desfrutar deste Camiño é grazas ao labor dun grupo de persoas, Os Amigos dos Pazos. Os precursores que acenderon un dos principais motores turísticos e económicos da nosa provincia, un grupo de entusiastas que traballaron arreo durante anos para que esta histórica ruta obtivera o recoñecemento que merece e un colectivo que hoxe segue sendo esa fonte de inspiración que nos anima a seguir tendendo pontes cos nosos irmáns da outra beira do Miño”, agradeceu o presidente da Deputación un labor de protección e divulgación do Camiño co que o organismo provincial está plenamente comprometido.
Coa súa presenza en Tui, “o quilómetro cero” desta ruta do Camiño, Luis López recoñeceu que a súa afección polo deporte moveuno a completar varios treitos das distintas rutas do Camiño Portugués, moitos deles en compañía do presidente Alfonso Rueda.
“Son tantos os treitos do camiño que percorremos xuntos, a pé ou en bicicleta, polo interior ou pola costa, por pracer ou polo noso labor de servizo público; que xa me custa levar a conta de cantos quilómetros temos sumados”, declarou o dirixente provincial.
Neste sentido, López aproveitou a celebración deste acto na porta de entrada do Camiño Portugués en Galicia para garantir o apoio e traballo da Deputación a un dos máis grandes activos culturais da provincia. “Recoñecemos unha asociación pioneira, Os Amigos dos Pazos, que hai corenta anos deron ese primeiro paso para impulsar o Camiño Portugués. E desde o quilómetro cero desta ruta seguimos construíndo, coa mesma ilusión e o mesmo entusiasmo, un itinerario que segue sendo sinónimo de unión, esperanza e prosperidade”, concluíu o presidente da Deputación.