Tui | Mais de catrocentas cincuenta persoas, tanto veciñanza como visitantes, teñen participado no ciclo de visitas guiadas “Coñece o noso patrimonio” organizado polo Instituto de Estudios Tudenses, coa colaboración do Concello de Tui. Téñense realizado nos meses de xullo e agosto nun programa que abrangueu ata seis visitas guiadas por outros tantos especialistas.
Onte, martes 20 de agosto, tivo lugar a derradeira destas visitas que estivo a cargo do historiador tudense Suso Vila dedicada á “Evolución urbana de Tui: do burgo altomedieval á cidade de Fernando II” e que con oitenta participantes percorreu os vestixios de época altomedieval que se conservan na actual configuración do conxunto histórico tudense.
No resto das visitas nas que participaron unha media de setenta persoas foi posible achegarse a outros espazos e elementos patrimoniais tanto do núcleo histórico tudense como do seu concello.
Comezou este ciclo o 15 de xullo cunha visita denominada “Da Glorieta á ponte internacional, paseando con outra mirada” guiada por Rafael Sánchez Bargiela, historiador. Na seguinte semana, en concreto o martes 23 de xullo, o arqueólogo Benito Vilas dirixiu un percorrido pola “Arqueoloxía no Alto do Coello y Rozacús” na parroquia de Randufe visitando os gravados rupestres deste enclave.
A profesora da Universidade de Santiago de Compostela, Marta Cendón Fernández, realizou o mércores 31 de agosto un percorrido polo “proceso constructivo de la catedral tudense a través de su exterior”. Na semana seguinte, o xoves 8 de agosto, o arqueólogo Juan José Perles Fontao percorreu o casco histórico tudense mostrando as “Transformacións da cidade de Tui a través dos seus recintos amurallados”. Completou o programa Carmen Manso Porto, da Real Academia de la Historia, que o martes 13 de agosto dirixiu unha visita á igrexa gótica de San Domingos e aos restos do seu conxunto conventual.
O Instituto de Estudios Tudense congratúlase do éxito deste ciclo de visitas guiadas pero moi especialmente que o mesmo teña contribuído ao coñecemento do amplo legado patrimonial que atesoura a nosa cidade e que paralelamente redunde na súa mellor conservación.
Para a concelleira de Turismo, Patrimonio e Conxunto Histórico, Ana María Núñez Álvarez, o éxito de asistencia a este ciclo “Coñece o noso patrimonio” evidencia o interese que suscita o patrimonio tudense e as potencialidades que o turismo cultural representa para a nosa cidade, ao tempo que expresa o compromiso municipal por continuar afondando no coñecemento, conservación e promoción dos valores patrimoniais, culturais e paisaxísticos da nosa cidade.
Tanto o Instituto de Estudios Tudenses como o Concello de Tui confían en continuar co desenvolvemento desta colaboración no vindeiro ano cunha nova edición deste ciclo de visitas guiadas dada alta participación de tudenses e visitantes nestas actividades.