Mos | Onte celebrouse a tradicional Festa dos Maiores do Concello de Mos que nesta súa trixésimo terceira edición homenaxeou a 47 matrimonios mosenses que neste 2023 celebran as súas Vodas de Ouro.
Contouse cunha afluencia de 800 persoas que se congregaron en Costoias para homenaxear aos seus maiores e ao amor que se profesan os matrimonios mosenses que levan medio século xuntos, nunha festa que a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, e a concelleira de Participación Cidadá, Julia Loureiro, definen como “a máis entrañable de todas as que temos en Mos”.
Os matrimonios que foron homenaxeados en Costoias, parroquia de Tameiga, eran parellas, das dez parroquias mosenses, que cumpren ou cumpriron os 50 anos de casados. 10 matrimonios son da parroquia de Tameiga, 5 de Sanguiñeda e 5 de Torroso, 4 da parroquia de Cela, 4 de Dornelas, 4 de Guizán, 4 de Louredo, 4 de Mos, 4 de Petelos e 3 de Pereiras. Esta emblemática festa concíbese desde a administración local mosense como parte do programa destinado aos maiores, coa finalidade de impulsar a participación social activa e a integración deste colectivo de idade na comunidade, así como lograr a participación en distintas actividades creativas e lúdicas.
A xornada de onte domingo 27 de agosto desenvolveuse contando cunha serie de actos celebrados a partires das 12:00h con Misa cantada polo Grupo de Canto Popular Nosa Terra de Pereiras, seguida ás 13:00h da actuación da Charanga Sacacorchos, a partir das 14:00h comezou o xantar, a cargo do Concello para os matrimonios homenaxeados. E a partir das 16:00h homenaxe aos matrimonios e actuación a cargo do grupo ‘3.com’.