Tui | Tradición e innovación mestúranse na Festa do Meixón que mañá comeza en Tui e que se vai desenvolver en seis restaurantes Casa Pote, El Molino, Emma Tapas&Brunch, La de Manu, O Novo Cabalo Furado e o Parador de Tui.
A Festa foi presentada este mediodía no Paseo Fluvial polo alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Comercio e Turismo, Ana Núñez, e unha representación dos viveiros, os restauradores e a adega Sergio Álvarez. Este evento gastronómico celebra neste 2024 a súa 56ª edición.
A Festa do Meixón comezou a celebrarse en Tui en 1968, nun momento de gran dinamismo na cidade, e no que coincidiron o remate das obras da Catedral e a inauguración do Parador de Turismo. Tanto o alcalde, Enrique Cabaleiro, coma a concelleira de Comercio e Turismo, Ana Núñez, coincidiron en sinalar coma na actualidade Tui vive tamén unha época de gran dinamismo coma testemuñan os datos turísticos de 2023, “os mellores da historia” segundo a concelleira, e nun momento no que o turismo “está medrando de xeito responsable, con calidade, de forma exponencial, en variedade e en desestacionalización”, explicaba Ana Núñez. Mentres Enrique Cabaleiro avanzaba a próxima sinatura do convenio do Plan de Dinamización Turística que suporá un investimento de 2 millóns de euros no conxunto histórico.
Reclamou o rexedor tudense que o río Miño siga sendo fonde de riqueza natural e de dinamización económica, polo que facía un chamamento a que tanto o Ministerio de Medio Ambiente coma a Consellería de Medio Ambiente invistan neste medio natural os recursos precisos para facer fronte a ameaza do cambio climático, dos aproveitamentos hidroeléctricos, e a contaminación e especies invasoras que poñen en risco a especies autóctonas coa repercusión que iso ten.
A concelleira de Comercio e Turismo explicou coma no cartel deste ano recupérase a esencia dos realizados en 1973 e 74, tanto no que ao grafismo se refire coma a imaxe da peza de cerámica dun gato que naquela ocasión se agasallaba aos comensais e que era realizada pola fábrica tudense Arcemi, Artesanía Cerámica do Miño, cuxo propietario José Joaquín García Rodríguez ‘Pepín Pernas’, asistiu esta mañá á presentación. Falaba tamén de futuro afirmando que “con intelixencia é posible crear e innovar novas formas de gastronomía sen renunciar á nosa esencia”.
Así sinalaba “imos traballar de cara a 2025, comprometéndonos coa hostalería local a impulsar, innovar, e potenciar a nosa hostalería local”. Agradeceu aos seis restaurantes participantes o seu compromiso coa cidade xa que “serán os verdadeiros embaixadores da gastronomía local”.
Rubén Estévez de Delicias del Miño que subministrará o meixón xunto a Angulas Benítez, explicou que o produto será do río Miño cunha calidade excelente, e apuntaba que este ano na metade de días de pesca, capturouse o dobre que o ano pasado. En representación dos restaurantes participantes tomou a palabra Pablo Crisóstomo, de El Molino, que indicou que “o meixón ten gran demanda, incluso ao prezo actual, que conta cun público moi fiel, que cada ano vén a Tui para degustalo”. Engadía que este é “un produto moi valioso para nós, e que tanto nos identifica co río e coa nosa cultura”.
Dende mañá e até o 8 de abril, poderá desgustarse a tapa de meixón, a un prezo de 85€ nos restaurantes Casa Pote, El Molino, Emma Tapas&Brunch, La de Manu, O Novo Cabalo Furado e o Parador de Tui, previa reserva. Os 200 primeiros comensais recibirán coma agasallo un garfo de madeira conmemorativo de Artesanía de Galicia tallado en madeira de amieiro pola empresa Silveira.