O Covelo | O Concello de Covelo, a través da concellería da Muller que dirixe Fanny Rey, celebra o Día Internacional da Muller coa comunidade educativa e coa veciñanza en distintos actos que perseguen a visibilización do importante papel da muller na economía, na sociedade e na cultura.
Para as 12 horas do venres día 8 programan unha saída reivindicativa co alumnado do CEIP Antonio Blanco Rodríguez dende o centro escolar ata o auditorio. Ás 12:15 horas presentarase “Contos Violetas” de Olga Cuervo para nenas e nenos de todas as cores co obxectivo de sensibilizar a comunidade educativa e a veciñanza da importancia de educar en igualdade e para a igualdade efectiva de oportunidades entre mulleres e homes.
Ademais, a praza de Barcia de Mera acollerá a exposición itinerante “Eu podo. Historias de Mulleres” nas que 8 mulleres covelenses desvelan as súas inquedanzas, afeccións e profesións rompendo calquera estereotipo de xénero e amosando que a vocación non debe coñecer fronteiras nin restricións de xénero.
A concelleira de Igualdade, María Valiñas, salienta a importancia de seguir traballando a diario para unha sociedade en igualdade sendo, no caso do rural, a muller un auténtico motor dinamizador social, familiar e económico. En liña co Pacto das Alcaldías e comprometidos co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 5 “Igualdade de Xénero e Empoderamento da Muller” o Concello de Covelo tamén vén de implantar os módulos de Igualdade nos seus cursos de formación para o emprego.