O 18 deste mes cúmprense 90 anos do recoñecemento da Galicia como nación europea polo IX Congreso das Nacionalidades Europeas, organismo adscrito á Liga das Nacións (SDN), precedente da actual ONU. A delegación galega estaba integrada por Plácido Castro, secretario de Relacións Internacionais do Partido Galeguista (PG) e presentou a súa candidatura considerando que “…Galicia é unha nación ben definida que se diferencia claramente dos outros pobos que habitan España..” e afirmando “…o dereito innegable do pobo galego a dispor e si mesmo”.
Cómpre recoñecermos que a asunción pola Liga das Nacións desta nosa cualidade nacional baseouse no intelixente traballo de relacións internacionais desenvolvido polo PG e por Plácido Castro, sendo o primeiro froito obtido pola colaboración estratéxica de Galicia, Euskadi e Catalunya desenvolvida por Galeuzca, pacto asinado en Compostela o Día da Patria dese mesmo 1933 no local do Seminario de Estudos Galegos (que este 2023 celebra tamén o seu centenario) entre o PG, Ultreya PNV, ERC, os soberanistas vascos de centro-esquerda da ANV, os democristiáns cataláns da UDC, a Acciò Catalana Republicana (ACR) e a organización cívica catalá Palestra. A axuda de vascos e cataláns, neste senso, foi fulcral para o rápido recoñecemento nacional de Galicia pola SDN.
O precedente deste primeiro Galeuzca é a Tripla Alianza, que cumprirá tamén cen anos na vindeira Diada do 11-S, reivindicadora da plena soberanía das tres nacións (fronte á ampla autonomía no marco da Constitución republicana de 1931 reivindicada pola Galeuzca de 1933) e que tivo unha moi curta vida por mor do golpe de Estado de Primo de Rivera do 13-S daquel 1923.
“O precedente deste primeiro Galeuzca é a Tripla Alianza, que cumprirá tamén cen anos na vindeira Diada do 11-S, reivindicadora da plena soberanía das tres nacións”
A seguinte xeira de Galeuzca (1943-1946) vai facer posíbel un traballo conxunto que permitirá a constitución do Consello de Galiza presidido por Castelao (novembro 1944), como órgano fiduciario da vontade da cidadanía agalega manifestada na elección parlamentaria de febreiro de 1936 e na amplísima aprobación estatutaria no plebiscito do 28-X de 1936.
Unha actuación que determinará a aprobación daquel Estatuto de Galicia nas Cortes de México (1945) e máis a incorporación de Castelao como ministro representante da Galicia (e non só do PG) ao Goberno republicano no exilio de José Giral (1946-47).
Esta decisión plebiscitaria de 1936, o recoñecemento europeo e máis a hábil acción política do galeguismo político deses anos explica que a Disposición Transitoria Segunda da Constitución de 1978 facilitara o acceso inmediato ao máximo nível de autogoberno de Galicia, canda Euskadi e Catalunya e a súa definición como nacionalidade no vixente Estatuto. Mais tamén facilita, cara ao presente e próximo futuro, a apelación que ven de facer o lehendakari Urkullu ao noso dereito de decidir, como comunidade nacional previa á Constitución, na aplicación do principio democrático.