Caballero valora a consolidación da Gran Bikedada, este domingo entre Vigo e o encoro das Eiras

NEA-bikedada

Vigo | O alcalde de Vigo, Abel Caballero, animou hoxe á participación na Gran Bikedada, unha serie de actividades en torno ao mundo do ciclismo que durante a fin de semana terá como escenario a contorna do Náutico e que rematará cunha marcha ciclista de bicicleta de montaña entre Vigo e o encoiro das Eiras, con volta a Vigo, que contará con preto de 500 participantes.

Abel Caballero felicitou ás entidades organizadoras: o Social Ciclismo Fan Manager e aos clubs ciclistas Vigués, Teis e Coruxo, entre outros e celebrou que a Gran Bikedada, que se celebra este domingo, ademais de solidaria está xa consolidada no calendario ao ser a terceira edición da mesma.

Patrocinada polo Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra, a proba discorre por Vigo, Redondela, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes, cunha distancia máxima de 91,8 quilómetros (para maiores de 18 anos) e unha mínima de 42,2 (maiores de 14).

Segundo explicou Pepe Xagarós dende a organización, “este é un evento que impón carácter no que cada un pódese marcar un reto nun percorrido que é un balcón sobre a ría”.

Álvaro Pino, un dos exciclistas asistentes á rolda de prensa (tamén acudiron Ezequiel Mosquera e Ramón Troncoso), agradeceu o “trato municipal ao ciclismo polo arraigo especial do alcalde” e asegurou que “o circuíto non é doado, especialmente polo tempo, pero os especialistas en montaña van gozalo máis que os ciclistas de ruta”.

A Gran Bikedada conlevará tamén unha charla sobre ciclismo este sábado, probas para nenos (gymkana) e ata unha ruta guiada a pé para que os acompañantes dos ciclistas inscritos poidan coñecer Vigo mentres se desenvolve a proba non competitiva.

A Gran Bikedada tamén ten un fin benéfico, en favor do proxecto humanitario Rede Concordia, que SCFM xestiona para a localidade do Progreso (Guatemala).