Ponteareas | O Concello de Ponteareas inicia este xoves 18 de febreiro, a programación cultural co gallo do Día de Rosalía de Castro, baixo o título “Rosalía Total”.
O Concello de Ponteareas, a través da Concellería de Cultura e Lecer, Normalización Lingüística e Turismo, que dirixe Hortensia Bautista, dá comezo coa ampla programación cultural coa que se quere render homenaxe a poetisa galega máis universal, Rosalía de Castro, co gallo do aniversario do seu nacemento o día 24 de febreiro.
A programación irá destinada a varios sectores da poboación, como o comercio ou o ensino, así como tanto a nenos coma a adultos, co obxectivo de difundir entre toda a poboación a vida e obra de Rosalía de Castro, a iniciadora do Rexurdimento Galego.
Hoxe xoves, a Biblioteca Pública Municipal acollerá, ás 18 horas, un obradoiro titulado “Poesía Cantareira”, para cantar e tocar, a cargo de Irene Silva e Fátima Granja, destinado ás nenas e nenos maiores de 5 anos.
Ao longo da semana que vén, o Concello de Ponteareas repartirá entre os locais comerciais distinto material difusor da poesía de Rosalía de Castro que poderá ser contemplado por todos os clientes, achegando a poesía á toda a cidadanía. Ao mesmo tempo, os centros de ensino serán tamén os destinatarios doutra actividade difusora da poetisa a través do reparto de marcapáxinas sobre poemas rosaliáns.
“Enredando poemas” será outra das actividades na que poderán participar as cativas e os cativos, así como a mocidade de Ponteareas, a través da cal se elaborarán pancartas e murais que terán como obxectivo amosar artisticamente elementos da poesía da escritora homenaxeada. Esta actividade desenvolverase no Parque da Perillana, ás 18 horas, e, en caso de choiva, na Biblioteca Pública Municipal.
O sábado, día 27 de febreiro, ás 18:00 horas, o Concello de Ponteareas renderá unha homenaxe institucional a Rosalía de Castro a través da ofrenda floral que se depositará baixo a placa da rúa que leva o seu nome. Posteriormente, este mesmo día, ás 19:00 horas, o Auditorio Reveriano Soutullo acollerá a actividade “Rosalía Total”, coa participación de grupos infantís e xuvenís cantando a Rosalía con distintos ritmos musicais como rap, entre outos, intervindo os grupos as “Wiki Rosalías” de Gondomar, as Lecras de Dodro e as Cantareiras do Centro Cultural de Chaín. Nesta divertida actividade, os cativos ,e os non tanto, poderán participar e gozar da música e da poesía de Rosalía.