Os concellos do Condado e A Paradanta inician o proceso de creación dun xeodestino turístico propio

NDEA_Alcaldes Condado ParadantaPonteareas | O acordo acadado entre os alcaldes de 10 concellos diferentes deberá ser aprobado polas respectivas corporacións locais.

As comarcas do Condado e A Paradanta poderían ter un xeodestino propio no curto prazo. Este é o desexo dos alcaldes de 10 concellos diferentes, que acordaron nunha reunión mantida a pasada semana no Salón de Plenos do Concello de Ponteareas iniciar os trámites que permitan situar a ámbalas dúas comarcas como enclave turístico de referencia, pasando a ser o décimo quinto xeodestino de Galicia.

O encontro valeu para que os respectivos rexedores municipais determinaran dous obxectivos principais na construción do novo xeodestino: facer participar dos beneficios do turismo á maior parte posible da poboación local de maneira que esta teña un papel activo na mellora do atractivo turístico da zona; e lograr que o aproveitamento turístico actúe como acicate nas diversas administracións e na sociedade civil, dedicando recursos que permitan poñer en valor o patrimonio histórico e biolóxico, impulsando un turismo sustentable.

Aprobación nos plenos municipais
O primeiro paso para poñer en marcha proxecto será conseguir a aprobación do mesmo por parte das corporacións locais de Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, Mondariz-Balneario, Mondariz, As Neves, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño.

Motor de arranque
No caso de contar co respaldo das diferentes corporacións, o proxecto xa ten previsto a elaboración dun Plan de Desenvolvemento Turístico onde se recollerá o inventario de recursos turísticos do Xeodestino e se determinará a capacidade de carga do medio, así como as medidas máis adecuadas a aplicar para o desenvolvemento do sector. Coa información recadada, levarase a cabo o desenvolvemento dun Plan de Dinamización Turística para os municipios que integran o potencial Xeodestino Terras do Condado – A Paradanta.

Xeodestino
A Xunta de Galicia entende por xeodestino“as áreas limítrofes que comparten homoxeneidade territorial baseadas nos seus recursos turísticos naturais, patrimoniais e culturais con capacidade para xerar fluxos turísticos e que, xunto á súa poboación, conforman unha identidade turística diferenciada e singular”.

Galicia conta, na actualidade, con 14 xeodestinos turísticos: Rías Altas; Rías Baixas; Costa da Morte, Terras de Santiago; Mariña Lucense; Lugo e a Terra Chá; Ancares-Courel; Ribeira Sacra; O Ribeiro; Terras de Ourense e Allariz; Celanova-Limia; Verín-Viana; Manzaneda-Tevinca; e Deza-Tabeirós.