Martiño Noriega reúnese co conselleiro de Educación para analizar proxectos pendentes en Santiago

 

Santiago de Compostela | O alcalde, Martiño Noriega, mantivo unha xuntanza co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez. Na reunión de traballo tamén participaron o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, e o secretario xeral de Educación, Jesús Oitavén. Tanto o alcalde coma o conselleiro de Educación valoraron moi positivamente o encontro e bo entendemento entre as dúas partes.
A reunión de hoxe, a primeira tras a toma de posesión do conselleiro, foi solicitada polo Concello co obxectivo de facer seguemento de actuacións en distintos centros educativos de Santiago, que teñen que ser coordinadas entre as dúas administracións.

Un dos proxectos que centrou a atención da xuntanza foi o da ampliación do CEIP Lamas de Abade. O conselleiro de Educación reiterou o seu compromiso de “acometer a segunda fase da ampliación do centro antes do verán, para que a grande ampliación do colexio orzamentada en dous millóns de euros poida ser realidade canto antes”. Nesa liña, o alcalde confirmou que o Goberno local confía en levar proximamente á Xunta de Goberno o expediente de expropiación forzosa da antiga vivenda do conserxe do colexio, que xa non ten vinculación co centro. Este espazo sería o utilizado na segunda fase da ampliación do Lamas de Abade.

Outras obras
Por outra banda, Román Rodríguez asumiu o compromiso de que a Consellería participará nas actuacións de mellora da calefacción en dous colexios da cidade, o Monte dos Postes e o Casas Novoa.

Na reunión de hoxe acordouse tamén que o Concello e a Consellería traballarán coordinadamente para definir as obras a executar nos colexios, con fondos municipais ou dependentes do departamento autonómico. O alcalde, Martiño Noriega, lembrou que a Concellería de Educación “ten definido un Plan Director dos centros, para o que se reservarán nos presupostos municipais máis de 100.000 euros por riba dos 460.000 que se veñen destinando anualmente ás obras de mantemento dos colexios”.

CEIP Apóstolo Santiago
A reunión desta tarde tamén serviu para empezar a estudar alternativas para mellorar a convivencia no CEIP Apóstolo Santiago, que comparte espazos coa Escola Municipal de Música. O conselleiro e o alcalde explicaron que se están barallando distintas opcións, pero advertiron que aínda é pronto para xerar expectativas ao respecto. Martiño Noriega lembrou que o Concello está traballando “para mellorar a convivencia a curto prazo, pero a medio prazo será imprescindible buscar alternativas de ubicación no espazo actual ou noutros para atender as necesidades dun colexio que vai medrando en número de alumnos e alumnas e dunha escola de música plenamente consolidada na cidade”.