Os conflitos dos galegos en Londres toman o bus urbano de Compostela para presentar “Get Back”

Santiago de Compostela | Federico Pérez, Miguel Guido e Mercedes Castro interpretaron na Liña 1 un anaquiño de Get Back, a comedia escrita por Diego Ameixeiras e dirixida por Jorge Coira que representarán, xunto con Alfonso Agra e Tamara Canosa, este xoves, venres e sábado no Teatro Principal.

 

Os conflitos dos galegos en Londres interromperon hoxe a cotiá tranquilidade da liña 1 do bus urbano de Santiago de Compostela. Os coñecidos actores galegos Federico Pérez e Mercedes Castro e máis o intérprete inglés Miguel Guido sorprenderon ao usuarios do transporte público cun anaquiño da comedia teatral Get Back que chega esta semana ao Teatro Principal. Xunto a eles os tres, completan o elenco de londoners -galegos emigrados en Londres- Alfonso Agra e Tamara Canosa. Os cinco dan vida a esta obra escrita por Diego Ameixeiras a partir dunha idea orixinal de Camilo Franco e dirixida por Jorge Coira. Unha comedia cun punto de drama que quere dar unha visión alonxada dos tópicos dos galegos melancólicos e contar algunhas das historias que esconde a emigración. A cita será os días 19, 20 e 21 de xaneiro e as entradas están xa á venda por 10 euros a través das canles habituais de Abanca.

“Buscar a vida polo mundo adiante”, aclara Federico Pérez, “é unha característica case esencial dos galegos”. E o autor do texto, Diego Ameixeiras, engade: “a emigración é distinta nos distintos momentos da Historia, pero as problemáticas son as mesmas. Hai un pequeno drama detrás de cada persoa que se ve obrigada a saír do país, un fracaso persoal e colectivo ao que nós lle quixemos sacar un punto divertido”. “Cada personaxe de Get Back ten a súa circunstancia, a súa soidade”, explica Mercedes Castro, “e a conexión co resto fainos reflexionar sobre a nosa vida e sobre cara a onde dirixila”. Miguel Guido, inglés emigrado a Galicia e fillo de emigrantes galegos emigrados ao Reino Unido, achega a perspectiva do país de acollida.

“Get Back chega a Santiago despois de recoller os aplausos do público en media ducia de localidades galegas”, recordou a concelleira María Rozas na presentación ante a prensa, “porque representa o gran talento que temos no país, tanto detrás do escenario como enriba del. Como vimos no aperitivo que nos ofreceron no bus urbano, trátase dunha obra que leva a reflexionar sobre temas de actualiade, personaxes cercanas que tratan temas cotiáns dende un punto de vista divertido”.

Sinopse
Son cinco e van nun vagón de metro. Son cinco e teñen moitas cousas en común. Pero eles non o saben. Aínda. Saben que van no mesmo vagón de metro. Saben de onde veñen, pero ningún está moi seguro de cara a onde vai. Son xente normal e están en Londres. Se son normais e están en Londres é que probablemente sexan emigrantes. Están no metro e como non poden mirar para as paredes, miran para o móbil que vai cuspindo algunhas novidades do lugar do que proceden. Que vas facer esta semana? Xa reservaches o voo para Nadal? Sabes que detiveron a aquel rapaz que estudara contigo en Santiago? O fillo do carniceiro non quere seguir co negocio. Cousas normais, de xente normal que se deixa mover polo meneo normal do metro. Pero o metro detense. Para en ningures porque queda atoado no medio do túnel e pode ser unha avaría, un atentado, unha folga ou todas as cousas á vez. E quedan os cinco Get Back mirando para o móbil e logo mirando para eles sucesivamente. O metro para e comezan os problemas. Porque son cinco, porque teñen moitas cousas en común pero non o saben, porque están lonxe de onde son e porque cada un deles ten urxencias particulares. Están perdidos nun subterráneo de Londres e quizais teña que vir rescatalos o exército. Pero primeiro van ter que entenderse. A comedia comeza como un accidente. Eles non o saben cando entran a ese vagón con traxecto interrompido, pero son catro galegos buscándose a vida en Londres e un inglés que, en algún tempo, se buscou a vida en Galicia. As vidas quedan cruzadas xusto cando se detén o movemento e a partir de aí case todo é retranca.