O Concello da Guarda agasalla ás asociacións que participaron na campaña “Decora o teu Nadal”

 

A Guarda | O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, e a concelleira de Cultura, Elena Baz, recibiron este martes 17 de xaneiro no edificio do concello ás asociacións que participaron na campaña “Decora o teu Nadal”.

Neste encontro quixeron entregarlles un pequeno agasallo en recoñecemento da labor realizada polas seis asociacións que colaboraron na decoración dalgunhas das principais prazas da vila neste Nadal. Así, acudiron ao concello representantes das asociacións Vento Mareiro, Xamaraina, Sopa de Sobre, San Xerome, Avelaíña, Sporting Guardés que decoraron a Praza do Reló, as prazas da contorna da Igrexa, a “Alamediña”, a praza do Coruto e a Alameda, respectivamente.

A concelleira agradeceu aos representantes a súa participación e destacou a calidade das decoracións, que ano a ano se superan, e falou de como esta iniciativa tamén anima que aos propios veciños e veciñas da vila se impliquen na decoración da vila nunhas datas tan sinaladas.

Pola súa banda o alcalde tamén agradeceu o traballo das asociacións, non só na colaboración nesta campaña, senón ao longo do ano e recalcou a boa aceptación dos veciños e como recibiron numerosas felicitacións pola organización e pola decoración do Nadal, na que foi imprescindible a labor de asociacións e cidadáns, que axudaron a embelecer aínda máis a xa de por si fermosa vila da Guarda.

Deste xeito, dende o concello da Guarda quérese agradecer, recoñecer e celebrar o traballo destas asociacións, que participaron nunha nunha iniciativa que busca potenciar a participación das asociacións da vila, dándolles visibilidade e protagonismo na organización e decoración urbana do Nadal 2016 e quedan convidadas a repetir a experiencia o vindeiro Nadal.