Ponteareas instala desfribiladores nos complexos deportivos da vila

 

Ponteareas | O pasado dia 19 tivo lugar nas instalacións deportivas de Pardellas e Areas a instalación e colocación dos desfibriladores semiautomáticos externos (DESA) de última xeración que adquiriu a Concellería de Seguridade Cidadá e Mobilidade, xestionada por Vanesa Fernández. Esta iniciativa xa fora presentada na casa do Concello en novembro de 2016 onde se lle dera conta desta iniciativa ás entidades deportivas que utilizan habitualmente estas instalacións. Esta colaboración entre a Concellería de Seguridade Cidadá e Deportes xurde “porque os campos de fútbol onde se practica deporte base e onde hai unha maior afluencia de xente son as instalacións onde máis casos de morte súbita se dan”, indica Vanesa Fernández.
Xunto coa instalación dos equipos DESA tiveron lugar tamén uns talleres para instruír sobre o seu uso e mantemento e tamén se levaron a cabo prácticas de resucitación cardiopulmonar (RCP), onde estiveron presentes a propia Concelleira de Seguridade Vanesa Fernández, o Concelleiro de Deportes Benito Márquez e o Xefe de Prevención e Extinción de Incendios de Ponteareas, Roberto Castro. As RCP permiten manter o fluxo necesario de sangue osixenada no cerebro e restablecer o ritmo cardíaco normal mediante o uso dun desfibrilador. O marxe de actuación é de solo cinco minutos, e cada minuto que pasa diminúe nun 10% as probabilidades de supervivencia. En ausencia de atención inmediata, a taxa de supervivencia non chega ao 5 %, pero en cambio sobrepasa o 50 % en instalacións cardioprotexidas.

“O noso obxectivo é que Ponteareas sexa en pouco tempo unha vila cardioprotexida”, afirma Vanesa Fernández, Concelleira de Seguridade Cidadá e Mobilidade.

“A cardioprotección é unha tendencia emerxente que trata de atallar a elevada incidencia a nivel mundial da morte súbita, un colapso ou paro cardíaco repentino en persoas que non teñen por qué ter mostrado síntomas de problemas cardíacos e que causa a morte en poucos minutos se non se intervén de forma inmediata. Dende a Concellería de Seguridade Cidadá, estamos comezando cun plan de protección que pretende que cada ano o Concello instale máis desfibriladores en lugares de gran afluencia de xente, tanto no casco urbano como no rural, que permitan facer de Ponteareas unha vila cardioprotexida”, indica a edil Vanesa Fernández. “Nestes talleres estiveron boa parte do cadro técnico das diversas entidades deportivas, técnicos, adestradores, delegados, así como tamén os traballadores municipais das instalacións. É importante que o maior número de xente saiba unhas nocións mínimas de como usalos, xa que nunca se sabe cando van facer falla”, indica o edil de Deportes, Benito Márquez. Roberto Castro, xefe de Prevención e Extinción de Incendios, afirma que “os desfibriladores semiautomáticos externos que acabamos de instalar, son moi sinxelos de manexar e están deseñados para que calquera cun adestramento básico poda facer uso del”.
A Concelleira de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Vanesa Fernández agradeceu tamén aos técnicos de ambulancias que se brindaron a dar unhas nocións sobre o uso destes dispostivos e sobre reanimación cardiopulmonar. “A mera posibilidade de poder salvar unha vida compensa totalmente a inversión nestes dispositivos”, afirma a edil de Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández. Pola súa banda o Concelleiro de Deportes, Benito Márquez, quixo agradecer tamén ao Departamento de Prevención e Extinción de Incendios pola “preocupación e implicación nun tema tan importante para as persoas relacionadas co deporte, xa que desgraciadamente non son poucos os deportistas falecidos por paradas cardiorespiratorias”.
Nas vindeiras semanas está programada tamén a instalación dun novo desfibrilador nas instalacións deportivas de Angoares, onde tamén se lles dará unhas nocións básicas ao corpo técnico, adestradores e delegados.