O concurso iniciouse no 2005 como unha homenaxe á mestra bueuesa Matilde Bares e supón unha estratexia para reflexionar sobre a igualdade de oportunidades e a violencia de xénero
Bueu | A concellaría de igualdade de Bueu, dirixida por Ana Isabel Otero Pastoriza, anuncia que este ano se recuperará o certame de relatos de muller na honra de Matilde Bares, que se convocou por vez primeira no 2005 con motivo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, e que tivo que frearse provisoriamente en 2011.
O concurso reuniu ao longo de seis anos a moitos escritores/as que reflexionaron a través dos seus relatos sobre o tratamento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a corresponsabilidade nas obrigas familiares e sociais, e a violencia de xénero.
Este certame, que está dotado con 1500 euros ademais da edición en formato libro, pretende render homenaxe a Matilde Bares, mestra de labor recoñecida que se esmerou na preparación de ata tres xeracións en Bueu, ademais de ser organizadora de actividades culturais e grupos de teatro. En 1898 daba clases na escola privada da Banda do Río, e o 11 de novembro do 1932 realizóuselle unha homenaxe coa colocación dunha placa conmemorativa na que foi a súa casa en Eduardo Vincenti, 41, e que pon “Os fillos de Bueu en América a Matilde Bares”. Unha homenaxe que foi auspiciada polos emigrantes arxentinos en agradecemento pola súa labor, xa que a moitos deles ensinoulles a ler e a facer contas antes de partir a Arxentina.
Nos seus inicios este concurso erixiuse como unha referencia no sector literarios, e ten premiado a varias persoas destacables no campo da cultura. Na primeira edición a gañadora foi Rosa María Martínez Dios co relato “Dúas cunchas”; seguidamente, Xurso Sierra Veloso, con “As dúbidas de María”; Xosé Alfredo Naz Fernández, con “Círculo”, Serafín Parcero Pérez, con “Ollos de cinsa”; María del Carmen Caramés Gorgal, con “Días de namorar” e Alexandre Alonso Alonso con “Xénero imperfecto”.
Tras a quinta edición do premio, o Concello de Bueu publicou un volume especial, titulado “Póker de dramas”, no que se recollían os relatos gañadores da cinco primeiras convocatorias.