Santiago de Compostela | O alcalde mostrou hoxe o seu agradecemento a todas as entidades que están expresando o seu apoio á proposta para que o aeroporto de Santiago leve o nome de Rosalía de Castro, dende a aprobación dunha declaración institucional ao respecto no Pleno da Corporación do pasado xoves. Martiño Noriega explicou que o Concello daralle traslado do acordo ao Ministerio de Fomento e a AENA, de quen depende o cambio de denominación.
O rexedor recordou que a proposta vén sumando os apoios do Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega ou a Fundación Rosalía de Castro; e tamén parece contar co consenso de todos os grupos do Parlamento Galego. Martiño Noriega sinalou que mesmo o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, expresou o seu respaldo á iniciativa, nunha recente reunión que mantiveron ambos.
Para o alcalde, “ten unha enorme carga simbólica que o aeroporto de Santiago reciba o nome de Rosalía de Castro, unha escritora universal que só xera consensos”. Ademais, Martiño Noriega restoulle importancia ao prazo no que se poida tramitar o cambio de denominación, se ben recoñeceu que sería desexable que fora antes do 24 de febreiro, Día de Rosalía, e nun ano no que ademais se conmemora o 180 aniversario do nacemento da escritora.