Santiago | O portavoz do grupo parlamentario de En Marea Luís Villares valorou a oferta recibida por parte da Xunta para pactar un economista experto de consenso que dirixa o posicionamento de Galicia en materia de financiamento económico na Conferencia de Presidentes. “Dado que deron a coñecer o nome proposto, Santiago Lago Peñas, queremos sinalar que non temos ningunha dúbida da súa solvencia, da súa capacidade, parécenos un dos maiores expertos en materia de financiamento tanto a nivel galego como estatal, pero tal e como avanzamos no pasado pleno non consideramos que haxa que pactar unha persoa concreta, porque esta non é unha cuestión técnica, ten carácter político”, apelou Villares.
En Marea fíxolle a oferta ao Conselleiro de Economía e Facenda de sentarse a falar sobre as bases do novo modelo de financiamento autonómico “e unha vez adoptada esa decisión política os mellores expertos farán a proposta técnica derivada desa decisión política “. Villares lembrou en declaracións a medios cales son as prioridades de En Marea nese sentido: “Apelamos a un modelo confederal baseado na soberanía fiscal, nun maior poder financeiro para o noso país, non soamente para facer efectivo o custe consecuencia de ser unha verdadeira autonomía do benestar, senón tamén para poder practicar unha verdadeira política pública de carácter económica e reverter os problemas do país decidida dende a economía baseada na cooperación entre as comunidades autónomas pero en relación de iguais. E hai que establecer uns mínimos de ingresos que entendemos que é o problema que ten o noso país en materia de financiamento. Dentro deste marco estaremos dispostos a chegar a un acordo coas demais forzas políticas.”
Apoio a Marea Atlántica
Na súa intervención, Luís Villares tamén quixo enviar unha mensaxe de apoio ao goberno municipal da Coruña, perante a moción de confianza que veñen de anunciar. “Respaldamos totalmente a posición de Marea Atlántica pois nun proceso de negociación non se poden dar situacións que dean lugar a unha perda de confianza e separarse dos termos do acordo”, sinalou Villares e engadiu que confía en que se chegue á mellor solución para todos os coruñeses e coruñesas.
“A Marea Atlántica garantirá a gobernabilidade da cidade e dotar á Coruña duns orzamentos nun tempo razoable para facer as políticas sociais que a xente necesita”, concluíu Villares.