Estes días ficamos pampos diante dos manexos do Fiscal Xeral e do Goberno do Estado para nomear aos Fiscais do seu gosto político. E puidemos lembrar cando en novembro do 2014 o Fiscal Xeral daquela, Eduardo Torres Dulce, ordenou a interposición dunha querela criminal contra Artur Màs e algúns dos conselleiros do seu Goberno por mór da consulta do 9-N. Unha actuación ordenada dende Madrid, que descoñecía que a Xunta de Fiscais adscrita á Fiscalía Superior de Catalunya determinara, por unanimidade, que non cumpría interpór querela por non existir delicto ningún.
Foi ésta a primeira dunha ampla xeira de actuacións paraxudiciais e xudiciais (xuizos do 9-N contra Màs e conselleiros, nova querela contra a Mesa do Parlament, a espionaxe policial ordenada polo ex ministro Jorge F. Díaz…) que tentan parar coa represión unha realidade política e social incuestionábel. Porque pode ser que haxa máis persoas a prol de ficar no Estado ou de marchar, mais o que ratifican todas as enquisas é que entre un 75 e un 80% da cidadanía catalá queren decidilo, queren votar. E esta normalidade democrática (pór as urnas) constitúe anatema para o Goberno Rajoy e as tres forzas unionistas, que negativizan o que de por si é positivo: que a xente decida.
Os gobernos canadiano e británico actuaron dun xeito moi distinto canda os referendos de independencia quebequeses e o plebiscito escocés de 2014. Permitiron cadansúa consulta vencellante establecendo as súas regras de xogo para o caso de que a independencia gañase. Nas tres ocasións perdeu a opción independentista, pero non caeu o mundo Eu estaba en Edinburgh aqueles días de setembro e ao día seguinte funcionaron a xeito hospitais, transportes e servizos públicos, abriron os pubs e xogouse a liga a finde seguinte. Non pasou nada.
Cál é o problema para que PP, PSOE e Ciudadanos consideren calquera consulta á cidadanía en Catalunya como unha catástrofe ? Porqué a vella pseudoesquerda (Juan Luis Cebrián, Alfonso Guerra) reclama a suspensión da autonomía? Porqué non se admitiu polo PP o pacto competencial e financeiro incorporado ao novo Estatut? Porqué en 37 anos de autonomía non se completaron as transferencias? Porqué moitos cataláns síntense rexeitados en Madrid e Castela?
A represión non poderá parar indefinidamente que a xente de Catalunya decida.