O Xulgado abre a porta á recuperación do adro da Igrexa de Guillade

A sala do contencioso-administrativo rexeita un recurso do crego e avala a decisión do Goberno local de revogar a legalización concedida polo anterior goberno.

O Goberno local amosou a súa satisfacción ante a resolución xudicial “porque a nosa posición é moi clara: queremos que se recupere o adro orixinal da Igrexa de Guillade”.

 

Ponteareas | O Xulgado do contencioso-administrativo nº3 de Pontevedra desestimou o recurso interposto polo crego de Guillade contra a decisión do actual Goberno local de revogar a licenza de legalización do adro da igrexa outorgada polo anterior goberno presidido por González Solla.

Segundo fontes municipais, esta decisión xudicial abre as portas á recuperación do adro orixinal da igrexa. “O crego terá que presentar en 15 días un proxecto que xustifique a necesidade, viabilidade e ausencia de impacto das obras realizadas. Dito proxecto terá que ser informado polos servizos urbanísticos do Concello e ser remitido á Dirección Xeral de Patrimonio que terá que informalo. Tendo en conta que todos os informes técnicos da Xunta e do propio Bispado emitidos nos últimos dez anos indicaron que as obras eran inviables, estamos convencidos de que a legalización non será autorizada, o que obrigará definitivamente a recuperar o adro orixinal”.

As obras do adro da igrexa de Guillade foron executadas entre 2003 e 2005 e consistiron no levantamento dun conxunto funerario do século XVIII e substitución por un novo pavimento. As obras foron sancionadas polo Concello e pola Xunta de Galicia quen ordenaron en 2007 ao crego repoñer o adro ao seu estado orixinal.

En 2012 o ex tenente alcalde do Concello, Roberto Mera, solicitou no Concello o cumprimento da orde. Poucos meses despois, o crego obtiña o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio para legalizar unhas obras que a propia Xunta rexeitara e sancionara nos anos anteriores.
Finalmente, o executivo local presidida por González Solla decidiu outorgar a licenza de legalización das obras en abril de 2015, un mes antes das eleccións municipais.
O acordo de Goberno foi recorrido por Roberto Mera e o novo goberno local estimou o recurso parcialmente en setembro de 2015, revogando a licenza concedida ao crego e requiríndoo para que presentase proxecto técnico e xustificativo das obras a legalizar.

Esa decisión foi recorrida polo crego de Guillade nos tribunais que, agora, ano e medio despois, desestiman o seu recurso impoñéndolle os custes polos gastos ocasionados ao concello e a Roberto Mera, por ser tamén parte no preito.

O recurso do crego baseouse en negar a consideración do adro como elemento protexido. A sentenza é clara e contundente ao respecto sinalando que o conxunto funerario é sen dúbida un ben protexido pola Lei de Patrimonio de Galicia, o que leva a esixir o proxecto previsto en dita lei. O tribunal considera que a licenza outorgada por Solla sen dito proxecto é “un defecto formal procedimental de moito calado”, polo que avala a decisión do actual Goberno de esixir o proxecto.