PSOE Ponteareas acusa ao goberno municipal de “mal gastar diñeiro público” co proxecto da Praza de Abastos

Indicou que "pon en risco a chegada de fondos europeos"

Ponteareas/PSOE-PSdeG | O Partido Popular ven de publicitar a bombo e platillo o proxecto que quere facer na nave de Aceiros. No goberno anterior o PSOE destinou fondos europeos para o proxecto da nave onde se construiría un gran espazo destinado á cultura.

A chegada de Nava Castro ao goberno supuxo tirar os cartos do proxecto cultural ao lixo e encargar un novo para localizar na nave de Aceiros a praza de abastos. Dita decisión tamén pon en risco a chegada dos fondos europeos conseguidos para a rehabilitación de dito espazo. Este capricho do PP por cambiar a actual praza de abastos é un despilfarro de diñeiro público xa que no goberno anterior xa se había feito un proxecto para a súa modernización na localización actual que agora tampouco servirá de nada.

Tras coñecer o proxecto do PP para a nave de Aceiros, o Partido Socialista alerta da necesidade de ter espazos culturais, “tal e coma nós tiñamos planificado, xa que este proxecto do PP reserva espazo na futura praza de abastos para eventos ” afirma a voceira do PSOE Vanesa Fernández. “Novamente a Sra Nava Castro certifica mediante documentos que o cambio de usos proxectado para a nave de aceiros non é sinxelo e pode por en risco os fondos europeos tal é como vimos denunciando dende o PSOE, por iso agora aparece no proxecto da praza de abastos este novo espazo para eventos que entendemos que será para tratar de xustificar o uso para o cal estaban solicitados os fondos europeos “.

Por outro lado a nova praza de abastos non terá estacionamento propio o que “non resultará práctico nin vai a invitar aos veciños e veciñas a achegarse á praza”. Dende o Partido Socialista tememos que a ocorrencia do PP sexa que os usuarios da praza de abastos estacionen no parking da área comercial que se instalará na nave de Granitos, o que sen dúbida restará clientes aos nosos praceiros e praceiras”, sinala Vanesa Fernández. Por todo, o PSOE insta a Sra. Nava Castor a deixarse de ocorrencias e non seguir tirando o diñeiro das veciñas e veciños en caprichos que nada aportan nin as veciñas e veciños, nin aos nosos comerciante e praceiros.