O PSdeG homenaxeou a Manuel Suárez, alcalde republicado fusilado en 1937

Foi o primeiro rexedor socialista que tivo Ourense, no ano 1936

Ourense | A Comisión Executiva Municipal (CEM) do PSdeG de Ourense honrou a figura do primeiro rexedor socialista que tivo a cidade, Manuel Suárez, fusilado na madrugada do 27 de xullo de 1937 polo bando franquista.

Nesta ocasión, o xa tradicional acto de conmemoración contou coa presenta do secretario de Organización dos e das socialistas galegas, Luis Ángel Lago, que lembrou a importancia de “continuar a loita enfrontando as inxustizas e promovendo políticas que beneficien a toda a cidadanía” e que o “compromiso debe ser inquebrantable porque houbo, como Manuel, quen se deixou a vida” por elo.

“Non se pode confundir liberdade de expresión con liberdade de difamación, coma sempre acostuman a facer os partidos das dereitas, sabedores de que a calumnia e a mentira son as súas mellores armas cando teñen perdido o debate das ideas e a credibilidade dos feitos”, expuxo como mostra de que hai dereitos aínda non consolidados e de que non se debe esquecer a historia.

“Temos a responsabilidade de seguir os seus pasos e traballar incansablemente para construír un futuro mellor, non podemos permitir que os dereitos conquistados se vexan ameazados; debemos ser a voz daqueles que non a teñen e defender con firmeza os nosos valores” afirmou contundente ante o auxe da extrema dereita que pon en risco a memoria histórica.

Aos pés da escalinata da igrexa Santa María Nai, Natalia González, secretaria xeral da agrupación municipal, insistiu na importancia de non dar pasos atrás e de que a sociedade non permita que algúns reescriban o pasado ou escurezan o futuro. “Foron moitos os que, como Manuel, puxeron a súa vida por diante para acadar un país máis libre e democrático.

Por iso, homenaxealo cobra máis relevancia, sentido e forza cada ano que pasa”, enfatizou.
A secretaria de Xuventudes Socialistas, Alba Iglesias, recordou que, xunto a Manuel Suárez, perdeu a vida aquela madrugada de 1937 Antonio Taboada Nóvoa, que ocupaba o mesmo cargo que ela na actualidade a nivel provincial e que contaba con tan só 29 anos.

Así mesmo, foron fusilados, no Campo de Aragón, Higinio López Barrio (de 39 anos e alguacil de Facenda) e Eduardo París Villar (de 27 anos e avogado). “Foron baluartes dun soño republicano que non terminou pola súa vontade, senón que foi brutalmente truncado por un golpe de Estado. Non nos equivoquemos: non houbo un levantamento nacional, senón un golpe militar que derrocou ao sistema democrático que o pobo español elixira”, defendeu na súa intervención.

Traxectoria
Pola súa banda, o secretario de Memoria Histórica da CEM, Xosé Lois Carrión, realizou un repaso pola intensa traxectoria humana e profesional do homenaxeado: un socialista militante primeiro das XX.SS. e logo do partido e de UGT, presidente da sociedade de canteiros e tambor na banda de Ourense, edil no Concello en 1920 e en 1931, onde chegou á Alcaldía en febreiro de 1936, responsabilidade que ostentou ata o 22 de xullo de 1936 (data na que tivo que abandonar a súa casa para refuxiarse temporalmente na dun amigo seu que o acolleu). “Cando sete meses despois creu que podía regresar fíxoo, mais foi detido ao pouco e sometido a un consello de guerra en marzo de 1937 para ser, finalmente, fusilado”, relatou ante os asistentes.

Así mesmo, incidiu en que no Concello de Ourense “a memoria non existe” e que o homenaxeado é un claro exemplo delo. “Hai 15 anos o pleno municipal decidiu que a Escola de Artes Escénicas levase o seu nome. Aínda non hai documentación ou indicación algunha”. Mais recentemente, o dous de setembro de 2022, aprobouse por parte da Corporación que a vía que vai desde a ponte das Burgas ao redor da Alameda ata o cruce de doutor Fleming pasase a chamarse rúa Manuel Suárez Castro. Tampouco hai nin sequera unha placa que o indique”, lamentou.

Á homenaxe asistiron tamén o secretario comarcal de UGT, Cristóbal Medeiros, e familiares de Manuel Suárez e léronse, ademais, varios fragmentos de misivas que intercambiou con Pablo Iglesias Posse –fundador do PSOE– e a derradeira carta que enviou á súa viuva e fillos. Todos coincidiron en lembrar tamén a filla do fusilado, Lolita Suárez, incisiva e incansable militante socialista que continuou loitando polos mesmos principios de seu pai ata falecer, aos 100 anos, a finais do ano pasado.