Despois das Letras Galegas, despois do Día da Patria, a única Patria.

No abraio quedo, xa pasado o día 17 de maio e o 25 de xullo deste ano, en pleno verán e resulta ser agora, moito despois, cando me aveñen recordos e cando leo nun vello xornal os consellos de quen gobernan que manifestan sen pudor nalgún dos medios de comunicación, dobregados ás súas dimensións de patrocinio, todo sexa dito de paso, as súas conclusións.

É incrible como na Coruña homenaxearon a Luísa Villalta e despois presumiron da súa política en materia lingüística, na que manifestaron abertamente “un exemplo de convivencia” no idioma e sen imposicións. Claro, como se van queixar se quen recúa somos nós e é a Nosa Cultura a que perde. Reivindican o seu modelo lingüístico do “sentidiño” e a “liberdade” fronte ao sectarismo e a imposición, que citan de novo, sendo eles os primeiros en falar de imposición e en facer que o idioma se repregue en perdas.

Seica o idioma propio de cada sitio do mundo pode ser imposto (que cousas!) no seu propio eido, non entendo nada. Destacaron á homenaxeada e asistiron xentes de representación política e candidatos das europeas. Dixeron moitas máis cousas como que o idioma propio de Galicia forma parte do seu ADN, que se construíu firme e así seguirá medrando. E que abondará en número de falantes, neste bilingüismo cordial afastado de polarizacións. En total, que se leron poemas da autora, entregaron flores á súa nai, á irmá e sobriño, mentres dous violíns tocaban aquelas dúas pezas que foran as súas preferidas. Falaron tamén da transversalidade do idioma e que por iso o seu partido se parece tanto a Galicia, desde a moderación e o respecto. Todo está tan ben feito que é un exemplo para o mundo.

Menos mal que non chegaban a ser sequera un cento de persoas! Tantas cousas dixeron, todas elas con graves obsesións que non atinan a conformar a concordia da que falan, senón silenzo e unha certa vergoña, sobre todo sabendo que encabezan manifestacións con aquela xente que falou de “imposición” do noso idioma por primeira vez e contra o galego ao que chamaban impositor no seu propio espazo. Espazo agora limitado por quen fixo estas leis, estas que conculcan o universal dereito de ser quen somos e de exercer o noso dereito e deber de facelo na propia orixe e forma.

A imposición, se é que hai, estará do outro lado e non deste. O resto son “supositorios” da xente. Impuxéronse á forza nunha lei desigual, en espazos e tempos, en realidades, nos corazóns, faltos de sincronía e de bo facer, faltos da xenerosidade que esperabamos despois de séculos de -esta si- “imposición” ou doma e castración “profiláctica” levada a cabo polos que mandaban e que aínda daquel xeito mandan, cegos na indiferenza e faltos na aposta decidida de futuro.

“A imposición, se é que hai, estará do outro lado e non deste. O resto son ‘supositorios’ da xente”

Ese interiorismo, do que falan, entre si, non se cadra coa exterioridade, onde eu, habitante do rural e docente xubilado, vexo como se perden cada día, non só habitantes, fogares e falantes, senón poboacións enteiras. Vexo como imos levados desa lei paralizante que nos trouxeron, obrigada e cargada de desequilibrios inxustos e subxectividades amorfas que marcharon a onde houbese mellores infraestruturas. Falta tamén da proporcionalidade debida, cando se fala de conculcar. Ninguén volveu pola fouce deixándose de egos e excesos, de desprezos e disolucións, de esquecementos e faltas, como digo, de confianza e xenerosa actitude coa Cultura, a Nosa Lingua, para salvala do naufraxio.

Sería bo mirasen doutro xeito a cuestión. Non se crean o que din e repiten, andan errados. Non é esa a solución e non darán con ela se seguen a pensar que todo vai ben. Aos que miramos de lonxe, dános certa vergoña que se minta con esa soltura e en aberto. Sei que haberá quen crea ese embuste e vaidade. Habería que corrixir antes que sexa tarde.

Tal é o desacougo, pódenme crer, que é necesario avanzar e non dar pasos atrás nesa crédula alienación mentida, nesa metáfora de que todo vai ben. A Lingua Nosa, non vai ben. E se perdemos a Nosa Lingua, tamén perderedes o cargo que habitades. Pénseno ben. Non me fagan admirar esta condena de derrotas.

Mestre e músico.