A Estrada | O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na presentación do programa do Entroido dos Xenerais de Ulla, declarado Festa de interese turística galega, nun acto que tivo lugar na Casa Escola de Couso, na Estrada, e que contou coa presenza de representantes dos oito concellos, repartidos polas provincias de A Coruña e Pontevedra, que participan nesta celebración conxunta.
O director de Turismo de Galicia salientou que cada vez máis está a medrar o interese de visitantes por este tipo de tradicións e en concreto, polos entroidos ancestrais. Neste sentido, subliñou o carácter tradicional destas datas que aúnan algúns dos atractivos do destino galego como son a cultura e a gastronomía, que xunto co carácter acolledor dos galegos dan lugar á fórmula que consegue atraer a visitantes.
Xosé Merelles dixo que estas festas son mostra “do sentir mais arraigado do noso pobo”, no que figuras tradicionais coma os Xenerais do Ulla ou os Correos a cabalo “dan conta dunha tradición e unha cultura que ten entre as xentes a súa exaltación máis viva e xenuína”. Destacou ademais que estas celebracións entroncan coa estratexia de desestacionalización da Xunta de Galicia que busca “garantir un fluxo continuo e moderado de visitantes en meses fóra de tempada para garantir a rendibilidade da actividade turística e afianzar o peso do sector no desenvolvemento económico da Comunidade”.
Neste sentido, adiantou que a Guía do Entroido 2025, que está a ultimar Turismo de Galicia e que sairá publicada próximamente na web institucional, recompila as festas e citas relacionadas con estas celebracións tradicionais e festivas. “Queremos que os visitantes ou os interesados teñan localizadas -dunha forma moi esquemática e informativa- os entroidos máis tradicionais da Comunidade”, afirmou.