“O inimigo non está aquí dentro senón aí fora”

Luisa Sánchez presentou a súa candidatura para liderar o PP de Vigo

Vigo | Como ven sendo habitual nos actos do PP local, o Hotel Ciudad de Vigo foi o lugar de encontro este 12 de febreiro para a presentación da candidatura de Luisa Sánchez, actual vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, como a nova abandeirada dos “populares” vigueses de cara ao Congreso do partido a celebrarse o vindeiro 23 de febreiro e na que concorre como única candidatura.

A militancia e a dirixencia do PP vigués reuniuse para coñecer as principais liñas de actuación nesta nova etapa dun partido que nos últimos 20 anos tivo varias candidaturas ao fronte como foron os casos da ex Alcaldesa viguesa Corina Porro, da ex senadora Elena Muñoz e da ex delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, con dirixencia transitoria entre cada etapa a través dunha xestora.

O obxectivo de Sánchez é claro: derrotar ao actual Alcalde Abel Caballero (PSdeG-PSOE) e recuperar o poder municipal na principal cidade de Galicia nos comicios municipais de 2027. Tarefa ardua tomando en conta a hexemonía de Caballero vía maioría absoluta na Corporación Municipal (19 edís por 6 do PP), ostentando o poder desde 2007.

Pero non é só Abel Caballero o obxectivo desta nova etapa do PP senón tamén reconciliar internamente a un partido que ven presentando discontinuidade nos seus liderados e pugnas internas. Velaí a frase inicial de Sánchez no seu discurso: “O inimigo non está aquí dentro senón aí fora”, en clara referencia ao Alcalde vigués e buscando así a unión interna do partido.

“Vigo debe ser líder na área metropolitana e na eurorrexión”

“Para Abel Caballero, Vigo non está por riba del e non debe ser así” indicou a candidata.
Sánchez explicou que Territorio, Segmentación de sectores estratéxicos e Comunicación serán as súas directrices nesta nova etapa. Prometeu percorrer tódalas parroquias viguesas a partir de marzo e manter en principio a operatividade das 14 comisiones internas dentro do partido, que poden ser progresivamente fusionadas entre elas de acordo ás necesidades.

Explicou igualmente que “Vigo debe ser líder na área metropolitana e na eurorrexión” e que o goberno municipal “non debe estar permanentemente en conflicto ou rivalizar cos Concellos veciños, administracións e empresarios. Vigo debe ser unha cidade amable que atraiga investimentos”. Criticou a falta de chan industrial, o estancamento nas infraestruturas urbanas e a negativa do Alcalde de non converter a Vigo en porto nodal aspecto no que o Concello “está a perder 2 millóns de euros en fondos europeos”. Nova etapa, nova líder e mesmas expectativas para o PP vigués.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.