Ponteareas | O concello de Ponteareas inviste 55.350,28€ na pavimentación e mellora da estrada municipal que une as parroquias de Arnoso e Guláns entre o cemiterio municipal de Xinzo e o barrio de Outeiriño.
A alcaldesa, Nava Castro, e o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, visitaron hoxe este tramo de estrada xunto a veciñas e veciños para supervisar os traballos realizados nos que ademais de asfaltar tamén se canalizou a recollida de augas.
Este é un tramo de máis de 600 metros lineais de alto tránsito de vehículos supondo a conexión máis utilizada polos veciños das parroquias de Arnoso e Guláns non só para interconectarse entre barrios, tamén para acceder á N-120.
Esta obra foi realizada co apoio da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no marco do Plan de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas 2024-2025 e co apoio do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.
O goberno de Ponteareas adianta que seguirán avanzando na mellora dos servizos públicos e sinalan a importancia desta obra que permite un acceso máis seguro aos fogares, dinamizan a conexión entre barrios e facilita o paso dos vehículos sanitarios, de emerxencias e de subministros.
Esta obra de mellora de accesos e camiños súmase ás xa realizadas en Padróns, Ganade, Cristiñade, Barxelas, na estrada de Guillade e no acceso a Cillarga, entre outras.
Substraccións de cableado de alumeado público
O concello de Ponteareas denuncia que continua o roubo de cableado de subministro de luz pública en distintos barrios das parroquias de Areas, Arnoso, Prado e Ribadetea. Novamente, os barrios do rural volven sufrir cortes luz pola sustracción de cableado. O tenente de alcaldesa e responsable de seguridade cidadá, Juan Carlos González, estima en máis de 30.000€ o custo do cableado subtraído, un gasto municipal ao que hai que sumarlle o tempo destinado pola brigada de electricistas municipais á colocación de novo cableado para reparar este dano.
Explica o tenente de alcaldesa que o alumeamento público é un servizo básico fundamental e necesario e que as persoas que subtraen o cableado prexudican gravemente o día a día das persoas e provocan un gasto público innecesario. “Gasto de material e de recursos humanos que en vez de estar solucionando outras avarías debe repor este dano. Todos debemos velar polo patrimonio que é de todos e os recursos públicos son de todas e de todos”.
Por este motivo, o Concello pide novamente a colaboración da cidadanía. “Agradecemos fondamente a colaboración cidadá que en anteriores ocasións alertou ás forzas de seguridade e seguimos solicitando a súa axuda para avisar á menor sospeita”. González Carrera recórdalle á cidadanía que os vehículos municipais de reparacións están rotulados e que deben tomar precaucións no caso de ver furgóns e furgonetas sen serigrafiar. A alcaldesa, Nava Castro, e o tenente de alcaldesa realizarán unha avaliación dos danos e un inventario dos hurtos producidos nos últimos meses para determinar as posibles accións de vixilancia e prevención xunto ás forzas de seguridade cidadá.