Ponteareas solicita 15M€ de fondos FEDER para vivenda e servizos

No marco do Plan de Actuación Integrado (PAI) de Ponteareas

Ponteareas | O Concello de Ponteareas solicitará aos Plans EDIL (Plans de Actuación Integrados de Entidades Locais,) financiado con fondos FEDER 21-27, 15 millóns de euros para mellorar o acceso á vivenda, rehabilitar e revitalizar barrios, dinamizar a economía e modernizar os servizos públicos. Dez grandes proxectos que configuran un desenvolvemento máis sostible, equilibrado e inclusivo recollidos no Plan de Actuación Integrado de Ponteareas (PAI)

O goberno de Ponteareas levará ao pleno ordinario a aprobación dunha solicitude que supón máis do dobre dos fondos EDUSI e que permitirán a execución de proxectos decisivos antes do 31 de decembro de 2029. Concretamente o goberno de Ponteareas destinará 3.400.000€ a devolver a vida ás rúas do centro histórico. Nunha aposta pola inclusión o Plan de Actuación Integrado contempla 1.810.000€ para a rexeneración deste espazo urbano mellorando a súa accesibilidade e o seu valor patrimonial.Tamén destinará 1.590.000€ para a adquisición e rehabilitación de vivendas para o alugueiro social recuperando vivendas baleiras tanto no centro urbano como nas parroquias.

A mellora dos servizos sociais e o incremento dos mesmos suma un total de 4.200.000€ coa construción de centros de día e socioculturais en Guláns, Padróns, Pías e Xinzo (3.000.000€); a ampliación do centro ASPRODICO e sede do servizo de Atención Temperá (600.000€) e a rehabilitación do edificio de servizos sociais da rúa Oriente (600.000€).

Os servizos tamén se verán mellorados coa construción da nova biblioteca pública municipal e a mellora da súa contorna para o que se reservan 6.000.000€ ou coa ampliación e renovación do Museo de Ponteareas.

Outra das claves deste documento e gran reto do Concello é a modernización e transformación dixital para unha mellora do día a día das veciñas e veciños e un aproveitamento dos recursos máis eficaz e eficiente. Así, destínase 450.000€ á solucións TICs; 325.000€ á domotización e sensorización de vivendas así como asistentes de voz en fogares de maiores que vivan sós no rural e outros 325.000€ á dixitalización do mercado municipal facéndoo más competitivo.

A concelleira de Axeda 2030, Silvia Fdez Táboas resume en cinco liñas este documento: “cohesión social, dixitalización, impulso económico, rexeneración urbana e sustentabilidade ambiental son os eixos marcados nesta folla de ruta deseñada seguindo as directrices da Axenda Urbana Española e as políticas da Unión Europea así como os obxectivos da Axenda 2030. Un documento estratéxico que determinará os vindeiros cinco anos”.

Fdez Táboas sinala que este documento recolle proxectos pioneiros como a creación da plataforma dixital de acompañamento de maiores, a rede de voluntariado para realizar videochamadas programadas con persoas que viven soas, un sistema de avisos para informar de actividades adaptadas a maiores, dispositivos intelixentes para alertar de emerxencias ou o acceso a telemedicina municipal para facer consultas sen ter que desprazarse. “Tamén contempla a instalación de sensores intelixentes nos fogares dos maiores e o uso de asistentes de voz para recordatorios de medicación ou a realización de chamadas, entre outras aplicacións”.

Pola súa parte a alcaldesa, Nava Castro, adianta que a redacción deste documento é un exemplo máis “do compromiso deste goberno de chamar a todas as portas posibles para mellorar o presente e o futuro da vila. Motivolo polo que preparamos da man de expertos todos proxectos para estar listos para optar aos fondos doutras administracións”. Ademais engade que se trata dunha intervención con perspectiva global na que se incide nos servizos aos que máis o precisan como os maiores ou os demandantes de vivenda; á mellora do tecido comercial a través de recursos innovadores e infraestruturas renovadas pero tamén de rúas e prazas máis atractivas para vivir e para visitar.

O concello mantivo varios encontros con distintos colectivos sociais e veciñais así como cos grupos da Corporación para recoller e valorar as liñas de actuación.

O documento do PAI estará dispoñible na páxina web para a súa consulta.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.