A Cañiza e Zona Franca sentan as bases para o Parque Empresarial do Vieiro

Asinado o convenio de colaboración para unha superficie de case un millón de m2

A Cañiza | O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, e o Alcalde da Cañiza, Luis Piña, rubricaron este venres o protocolo de colaboración que senta as bases para a implantación e o desenvolvemento do Parque Empresarial do Vieiro cunha superficie de case un millón de m2.

Ámbalas dúas institucións reafirman así a súa vontade de dar resposta a unha demanda histórica do tecido empresarial da comarca cun proxecto destinado a dotar de chan industrial ao concello e, mediante o desenvolvemento urbanístico, facilitar o asentamento de novas empresas e fixar poboación no municipio.

Unha vez asinado o protocolo, o próximo paso será solicitar á Xunta de Galicia a Declaración de Interese Autonómico da actuación para, unha vez aprobada, redactar e tramitar o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para a implantación do parque empresarial. David Regades sinalou que a posta en marcha do novo Parque Empresarial do Vieiro “é un esforzo máis da Zona Franca por fomentar a creación de chan industrial en toda a provincia co fin de promover o desenvolvemento económico, xerar riqueza e crear emprego”.

O delegado especial do Estado no Consorcio tamén destacou “a excelente localización xeográfica da Cañiza como enclave empresarial, ao pé de infraestruturas como a Autovía A52, equidistante de Vigo e Ourense e a súa proximidade ao norte de Portugal”.

Pola súa banda, Luis Piña, manifestou a súa satisfacción “ante unha aposta estratéxica para o Concello da Cañiza pola que levamos anos traballando e que agora se consolida”. O alcalde insistiu na importancia de iniciativas como estas “para evitar a fuga de empresas a outras localizacións e tamén, ademais do económico, polo interese social de fixar poboación en áreas rurais”.

O protocolo de colaboración entre Zona Franca e Concello, que xa foi aprobado coa unanimidade do pleno municipal da Cañiza, supoñerá tamén a creación dunha Comisión de Seguimento.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.