Ponteareas | O Concello de Ponteareas celebra o Día de Rosalía, 23 de febreiro, repartindo nos restaurantes de Ponteareas e nos comedores escolares os manteis “Caldo de Gloria”, iniciativa da Fundación Rosalía de Castro, inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” no que a poetisa explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia.
Ademais, Ponteareas acollerá o acto de clausura da XI edición das Converxencias Portugal-Galicia, destinadas a estreitar os lazos culturais entre as comunidades galega e portuguesa, en homenaxe a Rosalía de Castro e Zeca Afonso, que se desenvolven desde o día 3 de febreiro nas localidades de Braga, Padrón, A Estrada e Santiago de Compostela para pechar en Ponteareas o vindeiro 15 de marzo no auditorio Reveriano Soutullo co concerto Fusao Tradicional polos grupos Cantos D’ Aqui e Rusga de Sao Vicente, de Braga.
O concelleiro de Ensino, Ricardo González, sinala que, ao igual que noutras campañas, deséñanse actividades que alcancen á sociedade a través, neste caso, dos centros de ensino e da hostalería, ademais de ofrecer un concerto para todos os públicos como o de Converxencias. Pola súa a banda a Concellería de Cultura ten programado o contacontos “Historias soñadas” de Trémola Teatro para o xoves 27 de febreiro ás 17:30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal.