Ourense | Baixo o epígrafe “O futuro do sur de Galicia”, Abel Caballero, alcalde da cidade Olívica, analizou polo miúdo o estado de cousas e pasos a dar “para garantir o porvir” de Ourense e Vigo, e as súas respectivas provincias. Neste senso, o rexedor da cidade Olívica fixo especial fincapé nos nexos que existen entre ámbalas dúas cidades, apelando aos “sentimentos dos territorios” e á “innegable imbricación” da Galicia meridional.
Alén das afinidades xeográficas, humanas, de realidades e desafíos, das que deu boa conta, Caballero subliñou o “sentimento progresista maioritario que subxace en Vigo e Ourense, que non se altera e se mantén no tempo”. Segundo este, “trátase dun forte sentimento que conforta unha base sólida para artellar un proxecto común e lanzalo sobre bases certas de equidade e cohesión, tal e como nós entendemos as cousas”.
Chamando a non distraer a atención do “realmente relevante”, en alusión a “estériles debates orgánicos que só serven para darlle pólvora aos adversarios”, Caballero outorgou todo o protagonismo aos electores. “Como alcalde aprendín que non hai nada máis importante que as persoas, que as nosas veciñas e veciños, e que as políticas teñen que útiles e servir para conseguir melloras, deben ter auténtico impacto na vida da xente”, destacou o rexedor.
Destacando o peso de Vigo no contexto galego, subliñando que “ben podíamos ser nós a capital de Galicia”, ao tempo que se laiou da acumulación de instancias de poder na provincia da Coruña, como a Delegación do Goberno ou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; Caballero concluíu a “necesidade de solidez política no sur galego para poñernos en valor e aproveitar a nosa enorme forza”.
Cohesión e desenvolvemento equilibrado O secretario provincial do PSdeG-PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, presentou ao rexedor de Vigo coma “un referente do municipalismo en Galicia e tamén da política española”. Para Villarino, “contamos coa visión dunha persoa que transformou por completo a cidade galega máis poboada desde a súa chegada á alcaldía, sendo ademais un firme defensor da cohesión e desenvolvemento equilibrado do territorio, onde Ourense xoga un rol de primeira orde”.
O alcalde de Vigo protagonizou un novo parladoiro na Casa do Pobo Provincial, que se encadra na “batería de actividades” que o PSdeG-PSOE de Ourense ven protagonizando ao longo dos últimos meses. “O obxectivo é recuperar o auténtico sentido da Casa do Pobo, como espazo aberto á veciñanza chamado a consolidarse coma punto de encontro para desenvolver ideas e diálogos a prol de toda a provincia de Ourense”, salientou Villarino.