Licitación superior a 300.000€ para pavimentar en parroquias do Porriño

Serán beneficiados viarios en Budiño, Torneiros e Pontellas

O Porriño | Concello de Porriño vén de sacar a licitación esta mesma semana a contratación da obra de repavimentación dunha decena de camiños localizados en distintas parroquias cun orzamento base de 302.106,32 euros.

Os traballos suporán unha mellora da seguridade viaria en tódolos tramos nos que se actúe e divídense en dous lotes, por unha parte agrúpanse cinco camiños en Budiño, nos barrios de Mantelle, Vacaría, A Chan, O Casal e Cerquido, e, por outra, actuarase na mellora doutros cinco viarios municipais en Torneiros e Pontellas. Todos eles presentan na actualidade deterioro en diferentes puntos, sendo as fisuras, fochancas, reposicións de gabias e degradación xeral da capa de rodadura os problemas máis característicos destacados en ambos proxectos.

Este é un máis dos varios proxectos que ten levado e seguirá levando a cabo o goberno local centrado na mellora dos numerosos viarios municipais existentes, tanto no centro urbano como, sobre todo, na zona rural das diferentes parroquias. O alcalde Alejandro Lorenzo mantense na premisa sostida dende o inicio do seu mandato e fai fincapé en que “é moi importante que a veciñanza que paga os seus impostos teña cubertos os servizos básicos e esenciais como pode ser o saneamento, a recollida do lixo e tamén este de mantemento das infraestruturas viarias. Sempre o foi e seguirá sendo unha das nosas prioridades ao fronte do goberno municipal”, remarca o rexedor local.

O orzamento base de licitación do primeiro lote é de 124.820,05 euros e o prazo de execución da obra é de catro meses. “As actuacións nos cinco camiños da parroquia de Budiño suman unha lonxitude de 1.255 metros e, entre outros acometidos, ademais da propia reparación da superficie, fresando o firme e estendendo un novo pavimento, realizaranse tamén labores de limpeza e desbroce das marxes e contémplase o subministro e colocación de reposición de redes de pluviais existentes”, sinala o concelleiro de Vías, Obras e Servizos, Ramón Porto.

No caso do segundo lote o orzamento base de licitación ascende a 177.286,27 euros e establécese un prazo de execución dos traballos de oitos semanas. “O obxectivo principal é igualmente a mellora do firme cun novo asfaltado, neste caso tamén de cinco camiños que discorren polas parroquias de Pontellas e Torneiros”, explica Porto.

Levaranse acabo actuacións previas de limpeza e desbroce, movementos de terras, rehabilitación de firmes e pavimentos, traballos de drenaxe, colocación da sinalización horizontal e nalgún caso incluso a execución dun tramo de beirarrúa e ampliación de zona destinada ao estacionamento de vehículos.

Todas estas actuacións están financiadas polo Plan de Obras e Servizos de competencia municipal, o Plan + Provincia 2024, da Deputación de Pontevedra.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.