A Merca | O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, eloxiou que Galicia fose unha das Comunidades Autónomas elixidas por Turespaña para protagonizar este ano, coas súas paisaxes, gastronomía, tradición e recursos patrimoniais a campaña de difusión de destino de España a nivel internacional. No decurso da rodaxe que está a ter lugar estes días en distintas localizacións da provincia de Ourense, Xosé Merelles salientou a “extraordinaria oportunidade que brinda esta campaña para apoiar a estratexia de internacionalización da Xunta de Galicia”.
Acompañado polo subdirector xeral de Marketing Exterior de Turismo de Turespaña, Enrique Ruiz de Lera, Xosé Merelles lembrou que en 2024, “o turismo internacional bateu todos os récords” alcanzando o 30% da demanda turística con crecemento de viaxeiros procedentes de Estados Unidos (+22,1%), Italia (11,8%) e Alemaña (5%). Ademais, referiuse ao gasto medio do turista internacional que visita Galicia que chega aos 170 euros, experimentando un crecemento do 14,3% con respecto a 2023. O director de Turismo de Galicia enmarcou esta acción promocional na estratexia de promoción desenvolvida pola Xunta de Galicia e recordou o bo ritmo dos datos turísticos tamén deste ano, cun incremento de viaxeiros do 4,3% no mes de febreiro, segundo as últimas cifras do Instituto Nacional de Estatística (INE) feitas públicas hoxe.
Xosé Merelles salientou o traballo da Xunta coa presenza, entre outras, en 30 feiras de carácter nacional e internacional, a asistencia a workshops de mercados de productos turísticos diversos como o turismo de negocios, de luxo ou de natureza en lugares como Portugal, Italia, París, Londres, entre outros moitos.
Precisamente, esta é unha das principais misións incluídas na Estratexia de Turismo de Galicia 2030. Referíndose á campaña internacional, salientou que “Turespaña centra este ano o contido promocional do destino España a nivel internacional reforzando a súa aposta polo turismo de interior e buscando atractivos turísticos con identidade propia e auténticos”.
O equipo de gravación estivo hoxe en A Merca, Ourense, e está a rodar o Entroido tradicional, que ocupará tamén as xornadas de gravación concretamente en Xinzo de Limia, cita recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional. Galicia comparte presenza nesta campaña xunto co resto das comunidades da España Verde -Principado de Asturias, Cantabria e Euskadi-, Estremadura e Andalucía.