Donald Trump versus a realidade.

Cando eu era un crío apenas coñecía o mundo existente porque dispuña dun Atlas Universal que fora de meu pai no que podía descubrir outros países, outros ríos, outras montañas. O meu mundo, a miña realidade existía de forma imaxinaria. Eu non tiña referentes reais de que outro mundo existía, de que noutras partes do universo se vivía doutro xeito; que as persoas alí residentes tiñan outras apetencias, outras ilusións, outros horizontes. Todo se reducía a un espazo xeográfico de apenas unha comarca e a un espazo mental creado polos escasos libros monótonos e aburridos aos que tiña acceso.

Pero, como pasa sempre, dende que o mundo é mundo, as cousas foron cambiando. Eu saín daquel claustro materno-xeográfico e funme afacendo a outro mundo máis amplo, máis diverso, máis desenvolvido. Existían grandes diferencias pero era algo asumible, algo que se impuña coa forza dos feitos e coa mente ávida de coñecer mundo, de abrirse camiño.

Foi asi como fun crecendo en coñecementos e ilusións. Foi así como dende aquela aldea perdida sen apenas horizonte conseguín facerme un oco no chamado mundo cultural, desenvolvido, no mundo avanzado daqueles tempos, claro.

Hoxe, logo de teren pasados un montón de anos (para qué recordalos?) atópome nun novo mundo que non entendo, no que non me sinto instalado e do que non sei ben que podo esperar. De comezar escribindo nunha pizarra de apenas 30X25 centímetros e cun pizarrín que nin sequera manchaba, unha sorte!, hoxe escribo nun teclado que se reproduce nunha pantalla, que debo gardar de inmediato se non quero perdelo; calquera avería eléctrica ou erro humano pode tirar ao lixo todo o escrito. A min ocórreme un montón de veces. Non acabo de instalarme dentro deste claustro materno que chaman informática. Sen embargo debo recoñecer que isto que eu non entendo sérveme para que miles de persoas saiban das miñas preocupacións; que poidan ler o que aquí escribo aínda que sexa por curiosidade.

Pero o que hoxe pretendía dicirlles a todos vdes. era que cheguei á conclusión de vivir nunha realidade inventada dentro doutra realidade existente.

Aí teñen vdes. a un tal Donald Trump que foi elixido polos americanos de América, polos habitantes dunhas terras que tempos ha pertencían na España (tempos aqueles!) e que foi nomeado Presidente dese gran Estado: os Estados Unidos de América lle denominamos todos.

Este señor vive nunha realidade paralela, distinta da nosa e pretende que nós, non só nós senón practicamente medio mundo, nos instalemos nesa realidade súa. Dinos que é quen de rematar dun plumazo guerras que levan anos eliminando persoas, destruíndo edificios sen que ninguén saiba ben como pararlas. Chega ao Capitolio americano e ofrécenos a solución, así, dun plumazo.

Europa, a vella Europa, non sabe ben que cartas tomar. Asiste impotente a esta realidade trumpista que non acepta discusións. Ou o tomas ou te expóns ás consecuencias, terribles consecuencias, que eu estou a punto de poñer en marcha. Dinos este energúmeno humano como se fora un novo King Kong.

En Ucraína están en guerra con Rusia. Disputan espacios xeográficos e non se poñen de acordo. Tres anos de bombardeos, de destrución; tres anos fuxindo a xente da barbarie das bombas, tres anos sen ver un horizonte, unha saída. Chega este vaqueiro das terras altas de Ñamérica, como diría Caparrós, e dinos ten a chave para abrirnos a porta a unha realidade sen guerras, sen miseria, sen mortes. Claro que aceptando as súas reglas. Aceptando que a solución que nos ofrece pasa porque os seus negocios e os negocios de América do Norte sexan beneficiados…..Será verdade, aínda que sexa así?

“É posible que esteamos todos vivindo nunha realidade inexistente”

É posible que esteamos todos vivindo nunha realidade inexistente; que veña este señor, por chamarlle dalgún xeito, e nos convide a disfrutar dese mundo güai que ten preparado para nós? Onde hoxe existe destrución, miseria, morte, horror….Trump ofrécenos hoteis de luxo, deportes náuticos, sombrillas de sol,…en fin, a felicidade que non somos quen de imaxinar?

A Unión Europea anda como pito sen cabeza. Queren sairse dese marco pero fáltanlle as forzas e o convencemento de que pode vivir fora do claustro materno trumpista. Dese americano de cabelo loiro, de xestos despectivos, de arrogantes ademáns que se acompaña dun personaxe histriónico ao quer poucos anos hai que coñecemos coma un dos homes máis ricos do mundo. Hoxe é quen nos quita o sono coas súas ideas orixinais; que pretende colonizarnos mentalmente cos bulos, mentiras, disparates que escupe por esas redes sociais da súa propiedade que a todos nos traen de cabeza. Entre os dous subidos ao cabalo de Troia moderno foron quen de poñernos diante dunha realidade que ninguén sabe, a ciencia certa, a onde nos levará.

Eu confeso que non estou demasiado preocupado por min mesmo, xa que me queda pouco tempo para ser escravo dese “imperio mediatico”; pero sufro só en pensar o que se lle ben enriba aos meus, fillos e netos, amigos e familiares que terán que lidiar, que vivir nesa nova realidade que nin controlan, nin coñecen, nin serán quen de modular aos seus intereses.

En fin, varios mundos, varias realidades que pasan, que pasarán durante toda a vida dunha persoa. Meus avós, meus pais apenas tiveron que sufrir cambios no devenir da súa existencia. Eu, nós, todos nós somos sometidos a unha transformación física e mental que nos leva non sabemos a onde.

O COVID 19 fixo estragos. Levou por diante a millóns de seres vivos, de persoas boas e inocentes que merecían vivir. Pero o maior erro que cometeu foi non ser quen de liberarnos destas novas realidades que hoxe temos que pelexar, que afrontar.

Virá un novo COVID….para abrirnos as augas deste Jordán dos nosos pecados que nos leve a unha nova Terra Prometida?

Que así sexa.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.