Mos | A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Economía e Facenda, Feli Rodríguez, veñen de presentarlles aos grupos políticos da Corporación o orzamento municipal para este ano 2025, de cara a ser levado a aprobación en Pleno o vindeiro 14 de marzo. Trátase do maior orzamento da historia de Mos, que ascende a 14.965.773,65 euros.
A rexedora municipal, Nidia Arévalo, declarouse satisfeita respecto “destas cifras históricas” xa que “este orzamento histórico é posible grazas a ter logrado unha liquidación do exercizo 2024 cun remanente de Tesourería positivo en máis dun millón de euros e gozar dunha estabilidade orzamentaria de 3.443.454,37 euros”. Datos que son posibles, segundo explica a alcaldesa “grazas á contención do gasto e á actualización e revisión do Padrón de todas as taxas e impostos”. E “grazas tamén á nosa política de xestión económica eficaz e eficiente pero sobre todo responsable”, dixo.
O orzamento de 2025 aumenta en preto de 2 millóns de euros respecto do de 2024. E trátase dun orzamento orientado e dedicado ás persoas: ao Mos das persoas, tal e como destacou a alcaldesa, xa que entre as partidas de Política Social e Servizos suman preto de 10 millóns de euros.
Así, Nidia Arévalo destaca entre os gastos a partida destinada a Servizos, que alcanza os 6.693.001,80 millóns de euros, e representa o 47% do total do orzamento deste ano. Neste senso o Concello de Mos segue a apostar por prestar un servizos de primeira á súa veciñanza por eso decide aumentar o investimento, que crece tamén pola suba do canon de Sogama, e a contratación do servizo de desbroce de camiños e limpeza viaria, que se atopa en procedemento de licitación.
Tamén en canto a Servizos, a alcaldesa informou, de que se contempla o cambio a LED de todas as luminarias municipais, así como á adhesión ao programa da FEMP e a contratación dun estudo de eficiencia enerxética municipal. E apuntou que o novo contrato de mantemento de zonas verdes increméntase ata 120.000 euros.
Por outra banda, respecto tamén da área de gasto, Arévalo potencia o seu Plan de Inversións en Obras que arrancarán neste mesmo ano. Trátanse de investimentos en grandes dotacións cofinanciados con outras administracións supramunicipais como Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra, ou íntegramente subvencionados por estas. O devandito Plan de Inversións contempla un investimento municipal de 2.673.252,80 euros, aumentando en 1,3 millóns de euros respecto do Plan do ano pasado e representando case o 20% do orzamento de 2025.
Dentro deste Plan de Inversións, entre as obras 100% financiadas por outras administracións como Xunta e Deputación estan, a Escola Infantil e o Centro de Coidados Intermedios do Rebullón, as Vivenda Públicas en San Eleuterio, a Estrada Pereiras-Tameiga, as Sendas do Porselo e San Cosme, a Estrada Puxeiros Mos no tramo de Dornelas, ou o Novo Puxeiros.
As que se realizarán en cofinanciación do Concello con outras administracións son, entre outras, as beirarrúas dende o Multiusos a Asodifisi, o Acceso a San Rafael, os saneamentos do fondo de Atín-Cela e Coutadiña Cela, a 3ª Fase da Senda Fluvial do Louro e melloras en Infraestruturas deportivas municipais tales coma os Campos de Fútbol das Baloutas e Cototorrón, e as Piscinas de San Eleuterio e do Pavillón Óscar Pereiro.
Na partida de Política Social destaca que volve ser, un ano máis, a que máis crece, alcalzando os 2.322.860,09 euros.
Dentro desta partida increméntase o contrato do Servizo de Axuda no Fogar, SAF, en 400.000 euros respecto de anos anteriores, acadando un importe de 1,5 millóns de euros anuais; e licitado por un total de 68.400 horas anuais.
Tamén no que se refire a gasto social, mantéñense as subvencións a asociacións e entidades do ano pasado (EVD Galicia, Asodifisi, ASOMAMOS, AECC, Solidariedade Galega co Pobo Saharaui e Discamino) e concédese unha nova a Aceesca.
En Igualdade créase unha nova partida destinada a atención á muller dotada de 4.000 euros polo que a área de gasto de Igualdade crece ata os 41.600 euros, e en Deportes concédese unha nova subvención entre as axudas a clubes e deportistas mosenses para o Club de Fútbol Santiaguiño polo que co se eleva a contía destinada á área de Deportes ata os 177.930,68 euros.
En Cultura ascende ata 375.746,77 euros. Experimenta unha gran suba a contía destinada ao Plan Cultural, que pasa de 37.000 euros en 2024 a 50.000 euros en 2025, algo moi demandado polos grupos e asociacións culturais do municipio. Concédese ademáis unha nova subvención, para o Centro Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, destinada á Festa O Son do Pazo, de 10.000 euros. E créanse os Premios do Concurso de Poesía María Magdalena, dotados dunha partida de 1.000 euros.
A partida de Educación sube tamén, acadando os 543.392,02 euros. Tamén aumenta o importe destinado á Escola Conservatorio Profesional de Torroso, que recibirá unha aportación económica de 65.000 euros neste 2025.
Respecto dos ingresos destaca o incremento procedente da revisión do Padrón da Taxa do Lixo, polo que se orzamentan uns 200.000 euros máis procedentes deste imposto municipal.