Salceda de Caselas | A comunidade deportiva de Salceda de Caselas segue medrando a un ritmo imparable, impulsada polo esforzo constante dos clubs locais e o apoio do Concello. Porén, esta expansión choca cunha realidade preocupante: a insuficiencia de espazos deportivos dispoñibles para dar cabida a todos os seus usuarios.
Actualmente, máis de 600 deportistas deben compartir un único pavillón de titularidade municipal, dispoñible a tempo completo, e outros dous propiedade da Comunidade de Montes de Entenza e do IES Pedras Rubias da Xunta de Galicia, dos que se pode facer uso parcial para adestramentos. Isto que provoca graves problemas de xestión horaria.
Como resultado, os equipos vénse obrigados a adestrar simultaneamente na mesma pista, con ata catro conxuntos compartindo espazo, ademais de atopar dificultades para organizar os encontros de cada xornada.
Ante esta situación, os clubs deportivos de Salceda, decidiron tomar medidas e iniciar unha campaña de recollida de sinaturas. O obxectivo é presentar esta demanda ante a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, xunto cunha solicitude de reunión para expor a magnitude do problema e buscar financiación para unha solución efectiva.
Na reunión celebrada o pasado día 26 de febreiro, o Concello de Salceda de Caselas comprometeuse a solicitar o Plan Extraordinario 2025 da Deputación de Pontevedra, dotado con 875.000€ co obxectivo de destinar estes fondos ao proxecto do novo pavillón, unha infraestrutura esencial para atender a crecente demanda deportiva da vila.
Os diferentes Clubs que subscriben esta nota van da man do Concello na solicitude de colaboración as diferentes administracións. Esta infraestrutura ten un custe moi elevado (proxecto valorado en 1.900.000€) e o Concello non pode asumir por si só un novo Pavillón.
Dende os clubs deportivos apelamos á colaboración da cidadanía para apoiar esta iniciativa. Animamos a todas as persoas interesadas a asinar a campaña en Change.org (porunnovopavillonparasalceda) a través da ligazón dispoñible e a compartila nas súas redes sociais, familiares e amizades.
Ligazón da campaña: https://change.org/porunnovopavillonparasalceda